Leticia Gallego urxe á Xunta que cubra as prazas vacantes de facultativos na quenda de tarde no centro de saúde, a restitución inmediata das urxencias e o establecemento dunha ambulancia de reforzo
A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe o Concello de Moaña xunto á tenente de alcalde, Marta Freire, e ao secretario xeral do PSdeG en Moaña, Mario Rodríguez, para abordar a situación da sanidade pública no concello. Dende alí, a dirixente socialista alertou da situación de “colapso” na que se atopa a sanidade no municipio que, máis alá de mellorar, “cada vez vai a peor”. A día de hoxe, sinalou, “nesta vila seguen sen urxencias médicas e sen recuperar os cocientes de consultas presenciais anteriores á pandemia, ademais de soportar atrasos moi importantes nas citas de Atención Primaria, carece de persoal médico polas tardes e ten carencias no servizo de Pediatría”.
“A situación está causando un gran malestar e graves problemas entre a veciñanza”, incidiu a socialista, ao lembrar que “a falla de facultativos provocou que, o pasado 20 de maio, na Casa do Mar do municipio non houbese ningún médico na quenda de tarde, polo que o persoal de servizos xerais viuse obrigado a derivar aos pacientes ao centro de saúde de Cangas”.
De feito, destacou, “en Moaña só hai un doutor pola tarde para catro cupos”, unha situación que vén ocorrendo dende outubro do ano pasado, xa que “non se repuxeron os dous médicos de tarde que marcharon co concurso de traslados e, agora, dende principios de maio, agravouse a situación pola baixa laboral doutro médico”.
A maiores, engadiu, dende o 25 de maio, o servizo de Urxencias de Cangas, que atende á veciñanza de Cangas e tameń á de Moaña dende a pandemia, “dispón só de dous facultativos, debido á baixa dunha das doutoras, unha ausencia que xa estaba programada, pero que o Sergas se nega a cubrir”.
“A Atención Primaria desta vila cada vez vai a peor debido á política sanitaria do goberno galego”, alertou a socialista, quen anunciou que o PSdeG vén de presentar no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para urxir á Xunta que cubra as prazas vacantes de facultativos na quenda de tarde no centro de saúde, volva a abrir as urxencias na Casa do Mar e dote dunha ambulancia de reforzo para ofrecer unha correcta asistencia sanitaria na comarca do Morrazo.