O PP insta ao goberno local de Cangas a retomar «cuanto antes» a actividade das Escolas Deportivas Municipais, «poñendo en marcha tódolos mecanismos e protocolos necesarios para que as actividades deportivas poidan realizarse, nesta tempada 2023/2024». Así propoñerán no próximo pleno ordinario que terá lugar o último venres de mes e cuxa moción xa foi rexistrada no Concello.
Os concelleiros populares Francisco Soliño e José Luis Gestido defenden que «a actividade deportiva é necesaria, ademais os menos e nenas desta idade necesitan a actividade física para aumentar a súa forza, a súa coordinación e a súa confianza en si mesmos, así como para sentar as bases dun estilo de vida saudable, sen esquecernos que o deporte proporciona unha oportunidade moi boa para que os nenos e nenas aprendan a organizarse e a xestionar o tempo». «Existe unha boa base científica que respalda que a actividade física nos mozos favorece, como norma xeral, o seu desenvolvemento cognitivo e, polo tanto, axuda ao seu rendemento escolar», afirman.
Desde o PP aseguran que as escolas deportivas municipais ofrecen aos escolares a posibilidade de practicar diferentes modalidades deportivas en horario extraescolar tanto nos seu propios centros educativos como nas distintas instalacións municipais. As escolas deportivas municipais veñen sendo xestionadas por clubs/entidades deportivas do Concello. Desde o 2015 que estas foron abandonas non se volveron retomar.