O Partido Popular de Vilaboa pide ao goberno local que axilice os proxectos de instalación da rede de sumidoiros nas zonas de Acuña, Cardina, Gundixe, Areeiros, Caballeira, Bértola e «en calquera outro barrio do noso municipio que teña falta deste servizo municipal básico».
Así o demandou no último pleno da corporación, onde Acuña cualificou de “necesario e urxente que o Concello trate de completar a súa rede neste ano sen ningún tipo de dilatacións “. Ademais, pon de manifesto que todo o grupo de concelleiros de populares de Vilaboa «somos conscientes das necesidades dos nosos veciños porque percorremos cada casa destas parroquias e coñecemos os prexuízos que isto lles ocasiona. Non poden ducharse nas súas propias casas porque enchen rápido os pozos negros, casas nas que non poden traer aos seus netos porque non poden ser moitos, veciños que non poden poñer as lavadoras ou, mesmo, ter que medirse para que os pozos negros non colapsen». En definitiva, indican, «o principal problema é a non existencia de conduto de rede de sumidoiros e a dificultade para baleirar os pozos negros».
O PP vilaboés alerta de que esta situación esta afectando a mais de 50 vivendas e 150 veciños e veciñas. «Como Administración Local temos que dar os servizos aos nosos veciños», apostilan.