O PP de Pontevedra reivindicou hoxe “o potencial cultural e patrimonial de Cangas do Morrazo, un concello referencial con eventos fundamentais como a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o CanJazz ou a Semana Santa, que son hoxe citas ineludibles para calquera amante da cultura”, ao tempo que demandou que “todo este potencial que está sen explotar teña un apoio total por parte do Concello de Cangas, a institución que é sempre máis achegada á cidadanía e que leva oito anos abandonando as súas responsabilidades”.
Así o expresaron os populares nunha visita da Comisión de Cultura do PPdeG, presidida polo coordinador deste eido, Daniel Chapela, ao monte do Facho, a Casa Museo ‘A Mangallona’ e as naves de Ojea, na que tamén estiveron acompañados polo presidente provincial, Luis López, o voceiro local, Jose Enrique Sotelo, a coordinadora comarcal, Elena Estévez, e outros membros do Partido Popular da provincia.
“A Xunta de Galicia demostra cada ano como a cultura é un dos elementos máis importantes da súa política, un compromiso que agora estenderemos coa nova Deputación de Pontevedra, que ten precisamente a cultura elevada a unha Vicepresidencia”, sinalou López Diéguez. Ademais, o tamén presidente do organismo provincial destacou “o compromiso político dun goberno que aposta por unha cultura para todos, lonxe de sectarismos, e que vai chegar aos 61 concellos da provincia sen importar quen goberne neles, un empeño que reflectiremos en todas as accións provinciais”.
Na súa intervención aos medios, o coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, aludiu “á relevancia que a cultura xoga na vida de todos nós, desde as nosas tradicións até o teatro, tan vizoso en Cangas, como o coñecemento do noso patrimonio material e inmaterial”. Así, o popular reivindicou “o paso tan significativo que se vén de dar desde a Xunta de Galicia gobernada polo PPdeG, ao aprobar en Consello de Goberno a nova Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, que continúa agora os seus trámites e que revolucionará o panorama cultural, facendo que se avance na eliminación das barreiras que impiden o acceso á cultura en igualdade de condicións, como a dixital, a de xénero ou a arquitectónica”.
O futuro cultural de Cangas
Durante a visita, o voceiro popular destacou que “nestes momentos, a cultura en Cangas estana facendo os colectivos e as persoas a nivel individual, xa que a participación e o apoio do Concello son practicamente inexistentes”. “É imprescindible que a nova alcaldesa e a concelleira de Cultura abandonen a política do pasotismo cultural na que leva instalado o goberno de Cangas os últimos anos, deixando a política das palabras pola política dos feitos”, destacou Sotelo, reivindicando “proxectos como a Casa Museo A Mangallona, que dotan a Cangas de vida e de prestixio por toda Galicia” ou “xacementos como o do monte do Facho, no que se localizaron máis de 150 aras e no que ningún goberno de esquerdas de Cangas tivo o máis mínimo interese”.
Así, expuxo como “este espazo, que foi escavado polo Instituto Arqueolóxico Alemán, é un dos poucos xacementos de peregrinaxe, mais na actualidade boa parte dos seus fondos se atopan fóra de Cangas, no Museo ‘Quiñones de León’ de Vigo”. Xa que logo, propuxo “tal e como xa fixemos hai anos, a creación dunha aula de interpretación na que toda a veciñanza e os visitantes poidan coñecer o pasado de Cangas, explicando o contexto singularísimo no que se atopan, creando ademais un espazo con plena accesibilidade”.
O voceiro popular tamén apelou “á necesidade de impulsar o Museo do Mar ‘Bernardino Graña’ nas naves de Ojea, unha proposta que puido chegar a ser realidade grazas á colaboración de Costas do Estado no mandato de Mariano Rajoy, mais que a falta de interese dos sucesivos gobernos de Cangas meteu nun caixón a coller po”.
Nel, tal como explicou, “habería oco para expoñer as imaxes de Semana Santa, finnaciadas polo pobo e polo gremio de mareantes, poñer en valor a figura de Bernardino Graña, o poeta do mar, e por suposto explicar a grande unión da vila de Cangas co mar que vén de séculos atrás e cómpre salientar”.