Os populares critican ao tripartito ao que acusan de mirar cara outro lado e preguntan se os responsables municipais abriron algún expediente á empresa concesionaria ata o momento

O Partido Popular de Cangas volve a denunciar publicamente unha nova vertedura de augas fecais no litoral cangués, nesta ocasión os feitos tiveron lugar no entorno da praia de Menduíña. Desde a formación maioritaria da corporación denuncian que o goberno tripartito segue sen tomar accións para poñer fin aos constantes vertidos polo mal funcionamento da rede municipal e reclaman que os responsables municipais executen os acordos plenarios sobre este asunto. “Resulta insultante a falta de xestión do actual equipo de gobernoque non deixa de amosar a súa complicidade coa empresa concesionaria” afirman.

“Fai escasos días soubemos que non solicitaron as axudas da Xunta para auditar a rede o que pon de manifesto que as denuncias do goberno da sra. Gestido sobre a falta de colaboración do Goberno galego ante este problema eran falsas” declaran. “Os feitos cada vez deixan máis ao descuberto a falta absoluta de xestión do goberno local ante o maior problema medioambiental que ten o noso concello” continúan. “A situación é insostible, o tempo pasa e os danos aos nosos ecosistemas mariños son cada día maiores” sinalan.

“Somos un pobo mariñeiro, hai moitas familias que dependen dos nosos recursos mariños para gañarse a vida” destacan. “Esta situación está repercutindo a sectores estratéxicos para a nosa economía como o pesqueiro ou o turismo trasladando unha imaxe terrible da nosa vila”. Desde a formación cuestionan ao equipo de goberno se foron abertos expedientes sancionadores á empresa concesionaria polas constantes deficiencias que presentan a rede e que son a causa principal dos constantes vertidos de augas fecais. “Estamos seguros de que non fixeron nada e por iso exiximos explicacións públicas”. “O compadreo que manteñen coa empresa é vergoñento”.

“De pouco sirven as cinco dedicacións exclusivas dos membros do goberno tripartito para o nulo traballo que realizan” denuncian. “Cando non botan a culpa a outras administracións, cando é a municipal a competente, escúdanse na empresa que só vela polos seus propios intereses” explican. “Enredan con anuncios de inversións que nunca chegan, con reunións que non se materializan en actuacións reais que sirvan para correxir esta situación” argumentan. “Exiximos responsabilidades” insisten. “Se non son quen de xestionar deberían dimitir e deixar que sexan outros os que tomen o relevo. A veciñanza está cansa de excusas e quere feitos” rematan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *