O Partido Popular de Cangas pon deberes ao goberno tripartito para que aprobe con urxencia o novo rueiro da parroquia de Coiro e así poñer fin á situación “caótica” que existe na actualidade. Dende o grupo maioritario da corporación resaltan que se trata dun documento moi necesario que afecta a máis de 100 rúas e camiños, 24 lugares e a 1.800 casas nas que residen 7.000 habitantes.
“Os residentes desta zona da nosa vila levan anos sofrindo graves problemas co servizo postal ante a confusa situación da numeración e nomes das rúas” explican. “Ao noso grupo municipal nos chegan casos de notificacións extraviadas, medicacións que nunca chegan ou productos adquiridos por comercio eléctronico que teñen graves problemas para chegar ao seu destino” enumeran. “Compre destacar que é un asunto que leva pendente moito tempo. Sen ir máis lonxe, no pasado mes de marzo foi presentada a última proposta que foi retirada da orde do día porque mantiña erros de documentos anteriores o que denota ca principal causa de que non se teña aprobado ata agora e a falta de dilixencia dos diferentes equipos de goberno nos últimos anos” afirman, “polo que dende o Partido Popular reclamamos ao actual equipo de goberno que se poña a traballar de forma prioritaria sobre este asunto, subsanando os erros do último documento presentado ata o momento en consenso cos colectivos veciñais” rematan.