Cangas acaba de coller a presidencia da Mancomunidade para os próximos dous anos, tal e como lle corresponde, e o PP desta localidade avisa de dúas cuestións crave que afectan directamente os veciños. Por unha banda, a intención deste ente supramunicipal que preside Araceli Gestido de subir o prezo do recibo correspondente á recollida do lixo e no que os tres concellos están a traballar neste momento. Polo outro, a «metedura de pata» da rexedora canguesa no mesmo momento da recollida do cargo esta mesma semana cando anuncia unha licitación transitoria do servizo esquecéndose de que hai apenas uns meses, en setembro, ela e todo o seu goberno votou en contra dunha moción do PP na que, precisamente, pedían leste contrato ponte. «Agora aparece a Sra. Gestido como nova presidenta presentando como idea estrela a licitación transitoria que propuxo o Partido Popular de Cangas no Pleno de setembro e que ela mesma rexeitou. Coa postverdade a isto lle chaman ‘cambio de opinión'», valoran.
Segundo lembran os populares, na proposta plenaria propoñían os seguintes acordos:
-Instar ao goberno de Cangas, que solicite á Xunta de Goberno da Mancomunidade de que se informe a todos os grupos da corporación municipal de Cangas, cales son as características da actual situación contractual do servizo.
–Instar ao goberno de Cangas, que esixa a Mancomunidade de Concellos do Morrazo que se lle de acceso a todos os membros da Asemblea, de todos os estudos realizados nos últimos anos sobre a viabilidade dos posibles modelos de xestión do servizo de recollida de lixo.
–Instar ao goberno de Cangas, que esixa á Presidencia da Mancomunidade para que se inicie un proceso de licitación do servizo de recollida de lixo”.
«No debate os grupos do goberno estaban de acordo cos tres primeiros puntos, recoñecendo que a situación do servizo era mala e que a situación contractual da empresa non daba máis de si, pero non querían aceptar o cuarto punto de unha nova licitación. Salvo, a voceira do PSOE, a Sr. Malvido, que propuxo si se aceptaba que a licitación fora algo transitorio, ata que se decidise claramente como se ía xestionar o servizo. Nós aceptamos esa idea e modificamos a nosa proposta de licitación como algo transitorio, pero cal foi a nosa sorpresa que, a hora de votar, os membros do goberno posicionáronse en contra da proposta, incluso a Sra. Malvido, que foi quen plantexou dita modificación. Un exemplo máis de coherencia do goberno de Cangas, no que pesa máis o sectarismo que as necesidades da veciñanza», lembran os populares.
O servizo de recollida vai a peor
Para o PP, «a realidade é que a recollida do lixo vai a peor, que xa é difícil, e o sistema de recollida de reciclado brila pola súa ausencia e a nosa alcaldesa estráñase que teñamos uns niveles tan baixos de reciclaxe aludindo que se debe concienciar á veciñanza sobre este problema. O certo é que para que exista unha boa reciclaxe terase que prestar un servizo de recollida axeitado para elo, e iso nestes momentos non existe. Os puntos de contedores de reciclaxe están cheos de lixo no seu entorno, da medo hasta ter que tocar os contedores para depositar o lixo». A isto súmaseo que o parque móbil esta cada vez máis deteriorado, e a día de hoxe «non sabemos se pertence a Mancomunidade ou a empresa».
E con esta situación, explican, os responsables dos gobernos dos tres Concellos, xa están traballando nunha proposta de subir as tarifas da recollida do lixo. «Nós preguntámonos como se lle presenta a veciñanza unha suba no recibo da recollida do lixo co estado de abandono en que se atopa o servizo, sexamos serios, primeiro se deberá mellorar de forma importante o servizo antes de falar de calquera outra medida», manifestan acusando al tres concellos de «levar cinco anos falando de municipalizar o servizo por cuestións ideolóxicas e rexeitando calquera outra proposta para ao final de ano decidir aplicar a nosa proposta».