Un pleno en Bueu en 2022.

“68 concellos e agrupacións de concellos volven conseguir unha axuda da Xunta de Galicia, unha liña á que o concello de Bueu nin se digna a presentarse”. Este feito foi profundamente criticado pola voceira do Partido Popular, Elena Estévez, quen critico o discurso que normalmente mantén o alcalde de Bueu, Félix Juncal, quen “opta por confrontar coa Xunta dicindo que non inviste en Bueu cando a realidade é que cando se convocan axudas Bueu nin se presenta, como cos obradoiros de emprego”.

O caso desta axuda é, ademais, “chamativo”, asegura Estévez, “se xa no mandato pasado o BNG optou por renunciar a unha axuda que xa tiña concedida para crear un Servizo de Normalización Lingüística, desta volta nin sequera se presentou tampouco dentro do apartado de “programas de dinamización lingüística””. Esta modalidade financiable recolle dentro de si propostas de múltiple índole, polo que, tal e como afirmou a popular, “a axuda podería ser usada para diversificar e mellorar a oferta cultural en Bueu dirixida a públicos como o infantil e xuvenil”, sobre todo á vista de que se lles dá prioridade a áreas como a deportiva, a de mocidade, a de TIC, ao tecido económico e empresarial, a de servizos sociais e a de igualdade.

Así, Estévez preguntouse “que clase de goberno temos que renuncia directamente a presentarse a axudas para concellos de máis de 3.000 habitantes e das que foron beneficiarios municipios de diferentes cores políticas como Marín, Moaña, Cangas do Morrazo ou Sanxenxo”. A iso sumoulle o que, para ela, é “unha incongruencia de persoas que falan de potenciar a cultura e a lingua pero que despois fan exactamente o contrario”, polo que os animou a “falar cos seus compañeiros de partido de Moaña para que lles expliquen como se xestionan as subvencións, por se acaso é cuestión de que despois de 17 anos aínda non saben”. “Se o goberno de Bueu non está en disposición de traballar ou non ten ideas para mellorar Bueu, podemos asesoralos, sobre todo en materias coma estas que levabamos no programa de goberno”, concluíu

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *