Os populares sinalan que a adxudicación de limpeza viaria e de praias é o culmen dunhas decisións que incluíron o mantemento dos contratos externos da auga, o saneamento, o lixo e a recadación e a suma dos enterramentos, a xardinaría de facto e a futura de rozas de pistas
O grupo municipal do PP de Bueu vén de criticar a política de privatizacións voraz do goberno local de Félix Juncal tras coñecerse a derradeira contratación externa por parte do Concello para o desenvolvemento dunha tarefa municipal, como é o caso da limpeza viaria e de praias para os próximos meses por 310.000 euros, e lamenta que estean a desmantelar os servizos públicos propios.
Os populares sinalaron que a adxudicación dos traballos nos areais e as vías durante os meses de primavera e verano é o culmen dunhas decisións políticas do executivo do BNG que provocaron que ata oito servizos fundamentais estean a ser prestados por empresas. Así, o PP lembrou que, malia as fortes críticas vertidas polo propio Félix Juncal cando estaba na oposición, prorrogou a externalización do abastecemento de auga, o saneamento e a recadación de impostos durante os seus case vinte anos de goberno “aínda que logo admitira, coa boca pequena, que era a solución máis eficiente para o Concello e beneficiosa para os veciños”. Tamén denunciaron que está externalizado o posto de enterrador, con contratacións a autónomos feitas de xeito totalmente irregular, e de facto tamén se privatizou a xardinaría, con empresas realizando os traballos principais e os empregados municipais actuando a modo de complemento.
Nesta liña, os populares revelaron que o goberno tamén pretende contratar as tarefas de limpeza e rozas de pistas municipais malia que sempre se desenvolveron con persoal municipal a través dos plans de emprego da Xunta e da Deputación. “Deben considerar que ese traballo se pode facer mellor, pero se é así non é polos operarios, senón pola falta dunha dirección axeitada desde o Concello,”, apostillou a voceira municipal, Elena Estévez. Por último, desde o PP tamén lembraron o caso da recollida do lixo, realizada desde a Mancomunidade e que Félix Juncal sempre dixo que quería municipalizar, “aínda que a realidade, como acabamos de ver cun contrato de máis de 40 millóns de euros impulsado só polo BNG, levouno a ser un dos protagonistas da maior privatización da historia na comarca do Morrazo”.
“Suponse que estas contratacións e estas privatizacións son propias do PP, pero a realidade é que quen máis as usa é o BNG”, ironizou Estévez, que acusou a Félix Juncal de “copiar” as políticas populares malia criticalas duramente cando está na oposición, “pero ao chegar ao goberno todo se esquece, cambia de chaqueta e o cartel de defensor do público cae polo seu propio peso”. “Ao final, con estas cousas, admiten que nós facíamos as cousas ben, pero desde logo non chegábamos a estes extremos de privatízalo absolutamente todo”, lamentou a edil.
Finalmente, a voceira popular tamén lamentou a política de persoal e a inexistente defensa do emprego público por parte do Concello de Bueu, posto que fan modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT) para crear máis prazas de estrutura administrativa esquecendo por completo as de operarios e persoal de obras “coa clara intención de minguar estas áreas e realizar as citadas privatizacións que, polo demostrado, están na súa folla de ruta”.

