Unha das alfombras florais da Festa do Corpus de Bueu en anos anteriores.

O Concello entregará material para a elaboración das alfombras ás persoas que o soliciten a través dun formulario

A vila de Bueu celebrará o 6 e o 7 de xuño a Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu, organizada polo Concello de Bueu e na que os tradicionais tapices florais lucirán polas principais rúas do casco urbano. Carmen García, concelleira de cultura, participou na rolda de prensa celebrada este luns, na que tamén estiveron presentes Xosé Leal, concelleiro de facenda, Marc Taeger, ilustrador e artista local autor do cartel desta edición, e alfombristas da Asociación Cunchas e Flores.

A programación da festa, declarada como de Interese Turístico Galego, desenvolverase o domingo, 7 de xuño, aínda que a elaboración de alfombras comezará xa a partir da tardiña anterior, concretamente ás 18 horas. Ademais, ese día a partir das 9.00 horas da mañá realizarase unha alfombra infantil na rúa Eduardo Vincenti.

Xa o domingo, a charanga Noroeste amenizara ás rúas da vila, e ás 12 horas, terá lugar na Igrexa de San Martiño de Bueu a misa cantada pola Coral Polifónica de Bueu con posterior procesión ao redor dela. Ás 18 horas, na capela de San Xosé desenvolverase a adoración eucarística seguida de procesión coa Banda de Música Artística de Bueu e que decorrerá polas rúas Pazos Fontenla, tramo inferior de Eduardo Vincenti, Montero Ríos, Fransico Escáneo, e Igrexa de San Martiño de Bueu. Pola noite, a partir das 21 horas, no exterior do Centro Social do Mar será a verbena coa orquestra Marbella, que se traslada para este espazo debido ás obras que actualmente se están levando a cabo no Parque Urbano Lugrís.

Durante a fin de semana, o Concello tamén organizará nos xardíns da Igrexa de San Martiño unha exposición de fotos antigas que forman parte do proxecto “Bueu en imaxes” e na que se recollen instantáneas doadas por colectivos e veciñanza.

Co obxectivo de promover a participación e axudar ás persoas que elaboren alfombras, o Concello entregará material como cebada, cuncha, cortiza de pino, xiz, cola branca ou transparente, verde, tintes, papel, plantillas (dispoñibles no local da Asociación Cunchas e Flores). Este deberá solicitarse antes do 29 de maio a través dun formulario web ou entregándoo de forma presencial á concelleira de cultura.
En canto ao dispositivo de mobilidade, está previsto que as rúas se corten ao tráfico o sábado ás 18 horas, aínda que se anunciará completo proximamente.

A tradición das alfombras florais en Bueu

A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembra a veciñanza da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira. Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *