O Partido Popular de Cangas denuncia de novo a perda de subvencións autonómicas por parte do equipo de goberno liderado pola nacionalista Araceli Gestido, nesta ocasión, dirixidas ao desenvolvemento de programas de emprego entre a xente máis nova mellorando a ocupabilidade, cualificación e inserción profesional. “De xeito moi similar ao acontecido coas axudas para a contratación de persoas perceptoras da Risga, estes programas experienciais de emprego e formación teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas
participantes” explican.

Desde o grupo maioritario da Corporación detallan que estas iniciativas buscan mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo no ámbito da promoción do emprego no municipio” explican.

Os populares denuncian que o tripartito renuncia a que o Concello teña un papel activo na promoción de emprego no municipio. “Falan moito das políticas sociais e non hai mellor política social que facilitar postos de traballo para as persoas que non o teñen” declaran. “E este goberno volve a demostrar a súa incapacidade de desenvolver estas políticas no noso municipio” engaden. “A mocidade de Cangas non conta para o tripartito, nin dan alternativas de ocio, nin formativas, nin de emprego” critican.

O PP de Cangas destacan que non é a primeira subvención que perden no que levamos de ano e recordan que tampouco solicitaron as axudas para a mellora e equipamento dos espazos culturais municipais ou a dirixida ao embelecemento do litoral de Turismo de Galicia” enumeran. “É un suma e sigue permanente” denuncian.

“Cada semana coñecemos unha nova subvención perdida pola ineficacia e absoluta falta de xestión do goberno local” reiteran. “Estamos falando de moitos cartos que non chegan a nosa vila polo boicot dun goberno máis preocupado en cobrar cada mes os seus soldos e en quentar a cadeira que na defensa dos intereses da veciñanza de Cangas” rematan

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *