Visita dos populares á Via Verde de Vilaboa.

Os informes de Intervención confirman que o Concello incumpre o obxetivo de estabilidade orzamentaria en -426.668,19 euros e a regra de gasto en -271.240,82 euros

O Partido Popular de Vilaboa, a través do seu portavoz municipal Alberto Acuña, advirte de que o Concello entra nun Plan Económico-Financeiro 2026-2027 como consecuencia do incumprimento das regras fiscais na liquidación do orzamento de 2025.
Segundo consta nos informes municipais, a liquidación do orzamento do exercicio 2025 pon de manifesto que o Concello de Vilaboa non cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun importe negativo de -426.668,19 euros, nin tampouco coa regra de gasto, cun incumprimento de -271.240,82 euros.

A consecuencia inmediata deste incumprimento é a elaboración dun Plan Económico-Financeiro para corrixir a situación durante o ano en curso e o seguinte. Acuña sostén que “estamos diante dun documento que desmonta o discurso triunfalista do goberno municipal”. Para o portavoz popular, “cando un Concello está obrigado a aprobar un Plan Económico-Financeiro non estamos ante unha anécdota contable, senón ante unha chamada de atención sobre a forma na que se está gastando e planificando”.

O PP lembra que o propio informe de Intervención recolle que a estabilidade orzamentaria deixou de ser só un obxectivo de política económica para converterse nunha obriga legal e constitucional, e que as corporacións locais deben manter unha posición de equilibrio ou superávit orzamentario.

GASTOU POR ENRIBA DO PERMITIDO

Desde o PP de Vilaboa sinalan que a regra de gasto é clara: o gasto computable das administracións non pode medrar por enriba da taxa de referencia establecida. No caso de Vilaboa, o gasto computable pasou de 4.593.455,47 euros en 2024 a 5.011.686,87 euros en 2025, superando o límite permitido e provocando un incumprimento de -271.240,82 euros. “Traducido á linguaxe da rúa: o Concello gastou máis do que podía gastar segundo as regras fiscais. E agora hai que aprobar un plan para corrixilo”, afirma Acuña.

Os populares consideran especialmente preocupante que esta situación chegue nun momento no que o goberno local presume de boa xestión económica. “Unha cousa é ter remanente, pagar a provedores ou non ter débeda bancaria, e outra moi distinta é xestionar ben o gasto, planificar correctamente as inversións e cumprir as regras fiscais”, sinala o portavoz popular.

O PP lembra que o propio Plan Económico-Financeiro identifica como causas do incumprimento a utilización do Remanente de Tesourería para Gastos Xerais en modificacións orzamentarias, a baixa execución dos ingresos procedentes doutras administracións para financiar investimentos e o saldo da conta 413 de acredores por operacións devengadas, é dicir, gastos realizados sen consignación orzamentaria suficiente ou pendentes de aplicar correctamente ao orzamento.

O PLAN OBRIGA A LIMITAR O USO DO REMANENTE E A CONTENER O GASTO

Acuña advirte de que o Plan Económico-Financeiro non é un trámite menor, xa que obriga ao Concello a adoptar medidas correctoras. Entre elas, a limitación do uso do Remanente de Tesourería para Gastos Xerais, a redución dos gastos da conta 413 e unha maior coordinación na xustificación dos gastos subvencionados a medida que se executan as inversións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *