A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 4 de outubro, a sesión plenaria ordinaria que se puido seguir de forma presencial e tamén en directo dende a canle de YouTube, tal e como vén sendo habitual tras a pandemia. A principal novidade deste pleno é que se aprobaron todas as propostas que formaban parte da orde do día da convocatoria. Así, saíu adiante unha moción conxunta de apoio e solidariedade co mariñeiro bueués Pablo Costas Villar, que estivo retido no Iemen durante máis de once meses de forma ilegal e sometido a condicións infrahumanas. Aínda que xa se atopa na casa desde comezos de setembro, o alcalde salientou que “tiñamos pendente ratificar o noso apoio mediante un acordo do máximo órgano do Concello”.
A proposta da alcaldía na que se instaba á Xunta de Galicia a destinar fondos Next Generation para levar a cabo un plan integral de mellora integral dos centros educativos de A Pedra, A Torre e Montemogos, contou cos votos a favor dos catro grupos da corporación. Tanto o alcalde, Félix Juncal, coma o concelleiro de ensino, Xosé Leal, insistiron en que “é inaprazable unha actuación de mellora da envolvente en cada un dos centros, nos que hai problemas de illamento térmico dos pechamentos de cubertas, fachadas e carpintarías exteriores”. Con respecto a esta moción, o grupo municipal do PP propuxo que se emendase e se solicitasen os fondos con cargo a calquera outro plan da Xunta, e finalmente a proposta saíu adiante cos votos de toda a corporación.
A moción presentada polo BNG sobre a nova tarifa eléctrica e os custos excesivos da luz contou cos votos a favor dos grupos da corporación, agás o PSOE que se abstivo. O texto da declaración reclama, entre outras cuestións, instar ao goberno do estado a abrir un novo proceso de regulación da tarifa eléctrica no que se teña en conta a redución dos impostos ao 4%, beneficiar os territorios de produción de enerxía (caso da Galiza), e modificar a Lei 24/2013 do sector eléctrico, de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía. Precisamente, Xosé Leal, voceiro nacionalista, apuntou na súa intervención que “a cidadanía está moi preocupada por este asunto, e a proba é que na recollida de sinaturas que organizamos o xoves pasado recollemos o apoio de máis de duascentas persoas en apenas dúas horas”. A proposta saíu adiante cos votos a favor de toda a corporación, agás o PSOE que se abstivo.
Finalmente, o grupo municipal do PP presentou outras dúas mocións que tamén se aprobaron. A primeira delas mostra o rexeitamento do sistema de reparto dos fondos Next Generation no eido da mobilidade sostible. Elena Estévez, voceira do PP, destacou que “con este reparto benefíciase só aos grandes concellos e os municipios pequenos, que son a maioría en Galiza, quedariamos fóra e non poderiamos optar a eses fondos”. Xosé Leal, en representación do BNG, apuntou que “é importante que se atenda á nosa realidade e que os concellos poidamos dispoñer de recursos para levar adiante as ideas e proxectos, que no noso caso xa están plasmados no Plan de Mobilidade Urbana e Sostible que aprobamos o pasado ano”.
Dende o PSOE, José Manuel Vilas manifestou a abstención do seu grupo ao considerar que estes fondos da Unión Europea beneficiarán a Bueu nunha segunda parte. A proposta aprobouse cos votos a favor de PP, BNG e ACB, e a abstención do PSOE.
A outra moción popular reivindicaba unha actuación na ponte de Trasouto por parte da Xunta de Galicia aproveitando as obras que está levando a cabo o organismo autonómico na PO-551, coa construción dunha senda peonil entre Trasouto e o Alto da Portela. A reclamación é que se xestione coa Xunta a mellora do paso existente por baixo da ponte de Trasouto para poder transitar con seguridade por el ao realizar a ruta dos Muíños. Segundo apuntou o rexedor da vila, “esta petición xa foi feita polo Concello ao director de obras nas diversas reunións que mantivemos”. Así, esta proposta contou co apoio dos catro grupos municipais.
O pleno deste luns aprobou tamén a proposta da alcaldía relativa á composición da mesa de contratación permanente que asiste ao pleno, e tamén se deu conta de varios asuntos relacionados coa concesión de diversas subvencións.