Reducir ao mínimo posible as vítimas nas estradas galegas é o que busca o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025 aprobado o pasado mes de abril no Consello da Xunta de Galicia. Mediante o lema «Visión Cero», a Administración autonómica busca poñer en marcha un paquete de medidas durante os próximos anos que logren reducir a sinistralidade ata, se é posible, as cero vítimas en accidente de tráfico. Unha meta ambiciosa que tamén persegue alcanzar durante os próximos tres anos unha redución do 25 por cento dos falecidos e dos feridos graves en Galicia, como son os peóns, ciclistas, usuarios de ciclomotor e motociclistas, con respecto aos datos de 2019.

Ademais deste epígrafe de «Visión Cero», este Plan inclúe outro novo concepto, o de «sistema seguro», co que se quere poñer de manifesto que os falecidos e feridos graves en accidentes de tráfico non son unha consecuencia inevitable da mobilidade. E é que o documento, enmarcado dentro das estratexias actuais de carácter nacional e internacional de seguridade viaria, asume que aínda habendo sinistros, poden ser máis leves mellorando as condicións das infraestruturas viarias e utilizando vehículos mellor equipados.

Para alcanzar estes obxectivos, levaranse a cabo accións específicas dirixidas aos usuarios vulnerables como é a eliminación dos tramos de concentración de accidentes ou a mellora da asistencia ás vítimas e os grupos en situacións de especial risco ou vulnerabilidade. Sen esquecer, a insistencia na labor de promoción da educación e formación viaria, ata conseguir unha mellora no comportamento das persoas, priorizar a seguridade viaria no traballo ou garantir o bo estado dos vehículos que conducimos.

Chamamento social a «Visión Cero»

Este Plan de Seguridade Viaria de Galicia é froito da participación cidadá e da implicación das administracións e de diversos axentes sociais. Antes da súa aprobación definitiva tamén se someteu a unha consulta cidadá para que calquera persoa puidese presentar as súas achegas.

Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade faise un chamamento á sociedade a practicar a «Visión Cero». Fan fincapé sobre a importancia do intercambio de información e a suma de esforzos para reducir a sinistralidade nas estradas. A propia Ethel Vázquez puxo en valor na presentación da Estratexia de Seguridade Viaria 2030 este Plan de Seguriadde Viaria 2022-2025 como folla de ruta para logralo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *