O mirador do Paseo.

O avance das obras permite xa dilucidar o establecemento de restauración da punta, cunha cuberta practicable que permitirá ter unhas espectaculares vistas da ría e da Illa de Tambo. Avanzan tamén os traballos de renovación do pavimento e de creación de espazos verdes

O novo Paseo Alcalde Blanco comeza mostrar a súa nova fisionomía co avance das obras de remodelación, que forman parte da estratexia global de mellora urbana Marín Dusi. A alcaldesa, María Ramallo, fixo esta semana unha análise do avance da execución deste proxecto e da humanización da Avenida de Ourense, outro dos piares de Marín Dusi, que xa está practicamente finalizada.

“Estamos convertindo nunha realidade toda a estratexia urbana que vimos traballando desde hai anos, primeiro, para conseguir os fondos da Unión Europea, para o cal é preciso ter un proxecto sólido e facer moito traballo de xestión. E, despois, coas licitacións e adxudicacións, que agora se traducen neste bo avance das obras”, explicou a alcaldesa.

No caso do Paseo Alcalde Blanco está a ser unha UTE formada por Prace-Emergis
Construcciones a que está levando a cabo a execución construtiva da obra, en base ao proxecto elaborado pola firma NAOS. O novo paseo terá, por fin, unha punta rematada, na que xa se poden ver as distintas alturas e na que comeza tomar forma o local de restauración, cuxa cuberta será practicable, conseguindo un espectacular miradoiro no centro urbano cara a ría e á impoñente Illa de Tambo.

“Un dos obxectivos deste proxecto é, precisamente, poñer en valor a nosa espectacular paisaxe e reforzar o Paseo Alcalde Blanco como o noso gran punto de conexión co mar en pleno casco urbano”, explica Ramallo. Ademais, da punta, todo o paseo está a ser remodelado, con novos espazos verdes que o naturalicen e con mobiliario e pavimento renovado, ao que se unirán xogos infantís relacionados coa auga. O orzamento total ascende a 1.312.653,45 euros (sen IVE), que están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, no marco da estratexia Marín Dusi.

Auditorio e novos proxectos

Por outra banda, a alcaldesa adiantou que está próximo a finalizar o período de exposición pública do estudo detalle do proxecto do Auditorio, polo que “en breve poderemos avanzar na súa aprobación definitiva e comezar co traballo de licitación para poder avanzar e tratar de adxudicar a construción do noso centro cultural, que tamén cada día está máis cerca de ser unha realidade”.

Ademais, trabállase paralelamente noutros proxectos na contorna da Praza de España que tamén formarán parte da estratexia financiada cos fondos europeos e que permitirán crear espazos para a cidadanía no enclave máis céntrico da vila.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *