Criticaron ás alcaldesas por facer un discurso do medo como cortiña de fume para a súa incapacidade de ofrecer terreos para os novos centros
Os voceiros dos grupos municipais do Partido Popular en Cangas do Morrazo e Moaña, José Enrique Sotelo e Vicente Verdeal, acusaron ás alcaldesas de Cangas, Victoria Portas, e Moaña, Leticia Santos, de paralizar deliberadamente as melloras na atención sanitaria para a poboación do Morrazo por intereses partidistas. Fixérono tras reunirse esta semana co coordinador do PPdeG en materia de Sanidade e conselleiro, Julio García Comesaña, e ser informados das demoras nas que ambos concellos están incorrendo á hora de ceder á Xunta de Galicia as parcelas para a construción de infraestruturas que suporían unha importante mellora para a poboación desta zona.
Lembraron que xa no ano 2018 a Xunta presentou un Plan de Necesidades sanitarias para Cangas e Moaña que proxectaba dous novas infraestruturas: un novo centro de saúde en Moaña na parroquia de Sisalde e un Centro Integral de Saúde para Cangas na zona de A Rúa, que unificaría a atención ás urxencias dos dous concellos nunha zona accesible para ambos.
Cinco anos despois, ningún dos dous concellos cedeu á Xunta os terreos necesarios para construír estes centros, a pesares do cal o goberno galego non abandonou o seu empeño e volveu a incluílos como prioritarios no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021.
A nula colaboración do concello de Cangas levou á Xunta a comprometer coa alcaldesa de Moaña, que si asinou un convenio en febreiro de 2020 co compromiso de ceder terreos, a posibilidade de que o seu novo centro incluíra espazos que puideran servir provisionalmente como PAC mentres non entraba en funcionamento o CIS de Cangas. A pesares de non recibir aínda os terreos por parte do concello, a Xunta chegou a licitar o proxecto arquitectónico, que ten xa aprobado e mesmo a solicitar a licenza de obra, mais dous anos despois a parcela segue sen ser transferida á Xunta. En conclusión, afirman Sotelo e Verdeal é a falta de capacidade de xestión dos seus gobernos municipais a causante de que nin Cangas nin Moaña conten hoxe con novos espazos onde albergar as urxencias.
Por outra banda, Comesaña informou aos voceiros que nas últimas xuntanzas, a Xunta trasladou ao concello de Cangas unha revisión do plan funcional do futuro Centro Integral de Saúde que inclúe a creación dunha unidade de hemodiálise con capacidade para 32 pacientes, que evitaría a moita poboación do Morrazo que necesita facer diálise o desprazamento a Vigo. A pesares diso, o concello de Cangas segue sen ofrecer parcela para este novo servizo.
Cortiña de fume
Os voceiros populares ven nestas dilacións indebidas un atranco deliberado ás melloras na sanidade pública que a Xunta quere acometer no Morrazo. O obxectivo das alcaldesas, afirman, é “bloquear” estes investimentos por motivos partidistas, porque “non lles interesa que se vexa o interese que a Xunta amosa por mellorar a nosa sanidade pública, insistindo en levar adiante estes proxectos pese aos atrancos que se atopan”.
Consideran Sotelo e Verdeal que é a necesidade de ocultar a súa incapacidade na xestión a que ten levado ás alcaldesas a utilizar como “cortiña de fume” temas como a atención do servizo de 061, cunha estratexia de “meter medo á xente” en contra de realidades como as que lles expuxo o conselleiro: un investimento anual da Xunta de máis de 400.000 euros en manter dúas ambulancias con base en cada un dos concellos e 9 técnicos para atendelas.
Comesaña informoulles tamén de que desde o ano 2019 tense reforzado o servizo cunha ambulancia de soporte vital avanzado máis, con base en Vigo, que se une ás outras 7 ambulancias con base en Vigo que dan soporte tamén ás emerxencias no Morrazo.
Trasladoulles tamén os datos de actividade que entregou hai pouco nunha reunión ás alcaldesas e que demostran que a actividade nestes concellos non se ten incrementado, nin no total do ano nin nos meses estivais. En todo o ano máis do 91% dos servizos destes concellos poden ser atendidos polas ambulancias con base neles.
Cobertura de prazas
Por último, os representantes do PPdeG nos concellos de Cangas e Moaña solicitaron a Comesaña a inclusión das prazas vacantes dos centros de saúde dos seus concellos na nova convocatoria para facultativos especialistas en atención primaria que a Xunta ten previsto aprobar este ano.
Comesaña explicou aos voceiros que a situación actual de escaseza de profesionais para a atención primaria débese á negativa do Ministerio de Sanidade a unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR de medicina de familia, á lentitude na tramitación das acreditacións de novas prazas docentes ou ao rexeitamento a crear unha especialidade propia para a medicina de urxencias (asegurando así que os residentes que ocupan prazas docentes de medicina de familia non pasen logo aos servizos de urxencias).
Ante esta inacción do Goberno de Sánchez, Galicia ten dado un paso que é a primeira comunidade autónoma en dar: para atraer máis profesionais á atención primaria, creouse unha nova categoría de facultativo especialista de atención primaria que permitirá ofertar aos MIR que rematen a súa residencia este ano unha praza en propiedade mediante un concurso de méritos, é dicir, sen necesidade de oposición.
Comesaña informou aos voceiros populares de que a Lei que posibilitou este instrumento pioneiro de atracción de profesionais foi votada en contra pola oposición no Parlamento de Galicia, o que os representantes populares interpretaron como un novo intento da esquerda de boicotear medidas de reforzo da sanidade pública co único obxectivo partidista de culpar ao PPdeG.