Recepcionada a obra e dado o visto bo por parte do Concello de Moaña e dos seus técnicos á reforma integral do parque infantil da Alameda, coñecido popularmente como `o do Barco´ pola forma do seu mobiliario desde anos atrás e que agora tamén mantén, esta área de xogos do centro do municipio quedará aberta ás familias desde esta mesma tarde.
Aínda que a situación meteorolóxica do día de hoxe non axuda a que os pequenos poidan gozar do parque neste primeiro día, si que está listo para o seu uso. Esta mañá a alcaldesa, Leticia Santos, a tenente de alcalde e edil de Servizos, Marta Freire, técnicos municipais e da empresa que levou a cabo a obra visitaron as instalacións nas que o Concello investiu máis de 245.000 euros na súa reforma.
Así, este parque únese ao resto de espazos infantís que se reabriron o pasado 12 de abril tras varios meses pechados por mor da pandemia. Tan só faltan por poñer en servizo os dous parques da Paradela e o de Lourido porque están pendentes de reparación.