O deputado do Grupo Popular, Alberto Pazos, urxiu hoxe no Parlamento galego aos concellos de Cangas e Moaña a posta a disposición da Xunta dos terreos necesarios para dotar de novos servizos de urxencias á comarca do Morrazo. Así mesmo, solicitou que o Goberno galego inclúa na oferta da nova convocatoria d recén creada categoría de facultativo especialista en atención primaria as prazas de difícil cobertura destes dous municipios.
Alberto Pazos lembrou que desde o mes de febreiro de 2020, cando se asinou o convenio entre o Concello de Moaña e o Goberno galego para a construción dun novo centro de saúde, “a Xunta está á espera de que se lle cedan os terreos necesarios para estas novas instalacións sanitarias”.
Licitación e solicitude de licenza
“Porén, e a pesar de non dispor destes terreos, a Xunta procedeu en decembro de 2020 á licitación da redacción do proxecto básico e en xuño de 2021 aprobou o proxecto básico e solicitou a licenza, un feito excepcional que amosa o compromiso do Goberno galego con este novo centro de saúde pero o que non pode a Consellería de Sanidade é construílo no aire”, apuntou.
O deputado popular afirmou que “a derivación do PAC de Moaña ao PAC de Cangas non é un capricho senón unha medida para garantir a saúde dos veciños, xa que son necesarios circuítos diferenciados e espazos axeitados para garantir os protocolos de prevención”. “A solución para Moaña non é rebaixar o nivel de prevención, senón dotala dun novo centro de saúde”, asegurou.
Pazos salientou que “a sanidade galega goza de boa saúde e iso non sería posible sen uns excelentes profesionais sanitarios, sen os recursos necesarios para desenvolver a súa labor e sen unha xestión responsable dos recursos públicos”.
Deste xeito, lamentou que os socialistas galegos “insistan, unha vez máis, na súa campaña de desprestixio do sistema sanitario galego e insista en negar unha realidade corroborada polos datos aportados polo Ministerio de Sanidade, que acredita o bo comportamento da sanidade galega durante a pandemia”.