As iniciativas abranguen accións de mellora medioambiental, patrimonial e da competitividade empresarial do sector pesqueiro
A xunta directiva do Grupo de Acción Costeira (GALP) da Ría de Pontevedra reuniuse esta semán en Bueu para seleccionar os proxectos que optan provisionalmente á primeira convocatoria anual das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo do Mar (FEMP), xestionadas polo GALP.
Das vinte e dúas solicitudes recibidas seleccionáronse finalmente trece, seis correspondentes a proxectos de carácter produtivo e sete a proxectos non produtivos. A escolma recolle iniciativas do máis diverso que van desde a conservación e posta en valor de embarcacións tradicionais ata melloras en prazas de abastos ou adquisición de equipamentos para confrarías de pescadores.
O propósito dos fondos europeos xestionados polo GALP Ría de Pontevedra é promover o desenvolvemento do tecido socioeconómico do territorio que comprende os concellos da contorna da ría (Bueu, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Meaño e Marín). Unha das condicións para que os proxectos presentados opten á axuda é que encaixen dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra cumprindo os obxectivos de melloramento da competitividade dos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura; de fomento da diversificación e xeración de actividade económica, de melloras ambientais e proxectos de sensibilización, de revalorización e conservación do patrimonio e de fomento tanto da cooperación como do desenvolvemento local.
Entre os proxectos produtivos aprobados, que poden acadar unha subvención de ata un 50%, atopamos un novo restaurante en Sanxenxo e a construción dunha minicetárea en Poio e dunha nave industrial en Bueu que permitirá explorar novas liñas de negocio á empresa Alinox Morrazo. O proxecto da cooperativa San Miguel de Marín é un centro de valorización ao que trasladarán a súa sede mentres que o da empresa O Percebeiro é a introdución un novo proceso de elaboración de lombos e filetes afumados. E en Bueu, Horta Agrelo porá en valor a arquitectura tradicional mariñeira coa restauración dun alpendre.
O maior número de proxectos aprobados concentrouse nos non produtivos cun total de sete. Este ano presentáronse dúas iniciativas relacionadas con embarcacións; a proposta da Confraría de Pescadores de Lourizán proxecta incorporar un barco de vixilancia para o interior da ría e a do Club Mariño A Reiboa está enfocada á reparación e renovación da estrutura e do mastro do galeón Luisa. A Lonxa de Campelo pediu a axuda para implantar a plataforma dixital XESMAR nas confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán co obxectivo de gañar eficiencia na xestión dos recursos marisqueiros. Pola súa parte, a praza de Abastos de Marín acometerá melloras no edificio instalando iluminación led. Os concellos de Pontevedra e Sanxenxo tamén solicitaron axudas este ano, Pontevedra afondará no patrimonio cultural, pesqueiro, acuícola e marítimo da ría cunha proposta ao redor da figura de Cristóbal Colón e Sanxenxo utilizará a Festa da Cebola como plataforma para a promoción de produtos ecolóxicos e Km0. Completa a selección a actividade de concienciación medioambiental do Club Náutico de Portonovo.
Os restantes nove proxectos presentados á primeira convocatoria de axudas deste ano non puideron acceder á subvención xestionada polo GALP por diferentes cuestións técnicas.
Esta proposta, de resolución provisional da Xunta Directiva, que non establece ningún dereito a favor da persoa ou entidade solicitante pódese consultar no taboleiro de anuncios da sede do GALP Ría de Pontevedra e na súa páxina web. O prazo de alegacións contra esta resolución é de cinco días hábiles contados desde a data de publicación da mesma, tal e como se reflicte no artigo 24.3 da Orde de bases do 21 de decembro de 2018, da Consellería do Mar; rematando o prazo o vindeiro venres 26 de xuño. A xunta directiva do GALP resolverá as alegacións presentadas e declarará a listaxe definitiva de proxectos produtivos e non produtivos seleccionados o 30 de xuño.