As persoas consumidoras teñen nos mercados produto pesqueiro e marisqueiro de primeira calidade

O GALP Ría de Pontevedra continúa co seu compromiso de apoio ao sector pesqueiro galego centrándose esta vez nun dos últimos elos da cadea de valor dos produtos do mar, os praceiros e praceiras dos nosos mercados.

Para coñecer a realidade deste colectivo desde o inicio do estado de alarma pola incidencia do Covid-19, esta entidade púxose en contacto con representantes das diferentes prazas e mercados da súa área de influencia , con praceiros e praceiras que manteñen os seus postos abertos e coa Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal).

As prazas e mercados de abastos non escapan á crise derivada da corentena. Con todo, moitas son as praceiras e praceiros que continúan a fornecer produto fresco nun contexto marcado, cada vez máis, pola escaseza de determinadas especies, a caída de prezos e a perda de clientela. Estes negocios de proximidade están en horas baixas e non teñen esperanza de que a situación mellore ata, polo menos, principios do verán.

Menos vendas, menos xénero
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación presentou esta semana os datos da ‘Análise de consumo no fogar’ que reflexa o volume de compra de alimentos entre o 16 e o 22 de marzo (semana 12), a primeira semana trala declaración do estado de alarma. Por alimentos, a análise do ministerio pon de manifesto que a compra de peixe fresco baixou un 11% entre a semana 12 e a 11 (do 1 ao 15 de marzo). Á baixada das vendas de peixe hai que engadir o peche dos establecementos de hostalería e restauración -principais destinatarios do produto marisqueiro – o que provocou unha conxuntura económica extraordinaria: a derruba dos prezos de moitas especies, especialmente no marisco e nos peixes destinados tradicionalmente á canle HORECA.

A pesca é unha actividade esencial, por iso o sector segue a traballar pero nos últimos días moitos barcos quedan en terra e moitas mariscadoras, tanto a flote como a pé, están paradas. Nas prazas a oferta cada vez é menor porque tamén o é a demanda. O presidente da Asociación da Praza de Abastos de Sanxenxo, Egidio Barral, sostén que “hai menos variedade e menos cantidade de peixe”, un consumidor pode atopar estes días na praza “salmón, rape, pescada, rapante” pero en menor volume do que é habitual.

No mercado de Portonovo só hai un posto de marisco aberto, Mariscos Portomar, o de Loli Alarcón, presidenta desa praza. “Hai que estar ao pé do canón porque se pechamos e alguén quere berberechos ou algo non ten, hai que dar servizo á xente”. A mesma idea sostén Ana, peixeira na mesma praza, que aínda que “hai días nos que non vendo nin 10 quilos de peixe” non pensa deixar de acudir ao seu posto. “E non pola ganancia, que non é moita estes días o xusto para os gastos, senón porque levo moitos anos no mercado e quero aguantar para que non se perda”, explica. Tamén pensa en aguantar todo o posible Juan Ramón Rodríguez de Pescados Juanes, praceiro de Sanxenxo que recoñece que o peche da restauración foi un duro golpe porque case a metade das súas vendas destinábanse a esa canle.

Desde Fepragal difundiron un comunicado informando de que nos postos de produtos frescos do mar das prazas de abastos que permanecen abertos hai dispoñibilidade de peixe fresco. Saben que a corentena puxo en xaque ás praceiras porque “máis do 60% da súa clientela é xente maior, poboación de risco que non pode saír da casa”. En Bueu o consumidor pode atopar mariscos como a centola, o lumbrigante, a ameixa e o berberecho e tamén hai varias peixerías abertas na praza pero a presidenta das praceiras, María de los Ángeles Cruz, recoñece que hai menos xénero porque “ao non saber canto vas vender tampouco te arriscas comprando”. Loli segue a vender marisco en Portonovo, “a cigala está saíndo moito e sempre hai berberecho, mexillóns, unhas ameixas para un arroz, centolos e bois… van saíndo pouco a pouco”, comenta.

A seguridade nos mercados
As praceiras entenden que o seu traballo é fundamental para garantir o abastecemento de alimentos frescos entre a poboación, por iso continúan subministrando produtos do mar extremando as medidas de seguridade necesarias para previr a difusión da enfermidade. A xerente de Fepragal, María del Carmen Rodríguez, loa o esforzo dun colectivo que “está traballando desde o primeiro día con tódalas medidas de seguridade ao seu alcance e cumprindo os protocolos marcados, utilizando batas, guantes, gorros, máscaras, mantendo a distancia de seguridade…”. A presidenta da praza de Portonovo quere transmitir serenidade e calma aos compradores porque “cumprimos con todas as medidas de seguridade e hixiene e estremamos as de limpeza tanto no interior como no exterior do edificio”. Pola súa banda, María de los Ángeles Cruz, sinala que a xente en Bueu “está a responder moi ben ás medidas”. Na súa praza, como en todas, hai cintas no chan para separar os espazos, barreiras, as praceiras lavan as mans con frecuencia, usan guantes e máscaras e “evitamos as aglomeracións de xente recordándolles que deben estar separados”.

Seducir aos consumidores
A situación é moi similar en tódalas prazas da ría: menos clientes, menos vendas. Algúns postos pecharon e os que resisten buscan a maneira de recordarlle á cidadanía que nas prazas atoparán sempre produto fresco e de calidade; xa sexa a través das redes sociais, do apoio de Fepragal e doutras entidades do sector, ou dos medios de comunicación que, a nivel local, informan do estado nas prazas.

Paulatinamente todos os postos foron tomando medidas para intentar paliar os efectos negativos que esta crise sanitaria están tendo sobre un elemento fundamental das economías locais de múltiples localidades galegas. Unha desas medidas foi compensar o descenso da afluencia cun reforzo dos servizos a domicilio e de recollida en tenda. En todas as prazas da contorna da ría de Pontevedra atopamos postos que ofrecen estes servizos -xa de antes- pero que agora ven neles unha vía para capear esta anómala situación. Ana, unha das cinco peixeiras que mantén o seu posto aberto en Portonovo, recoñece que houbo un aumento dos pedidos a domicilio desde o inicio da corentena. “Teño moito cliente maior -o cliente habitual do mercado- que vive nos arredores da vila, así que como non poden vir chaman por teléfono e lles levamos o pedido”. En Portonovo case un 90% dos postos dispoñen dese servizo e, como recorda Alarcón, “non hai pedido mínimo para que se preste e a entrega faise no mesmo día”.

Os establecementos tamén intensificaron a súa presenza en redes sociais ao fin de fomentar entre os consumidores a opción de compra a distancia e evitar posibles aglomeracións nas prazas así como o traspaso da clientela ás grandes superficies. En Bueu, María de los Ángeles, comezou ca entrega a domicilio fai unha semana e “os encargos van chegando” así como os pedidos de recollida en mostrador. Pola súa banda, Juan Ramón sempre tivo ambos servizos no seu posto de peixe de Sanxenxo e neste tempo de alerta “notamos un aumento do servizo a domicilio” incluso entre os clientes máis maiores.

O servizo de entrega de produtos a domicilio permite aos clientes continuar comprando nos seus postos de confianza sen deixar a seguridade dos seus fogares. Fepragal destaca o esforzo das praceiras que realizan a entrega a domicilio rapidamente sendo capaces de entregar o produto no mesmo día, “algo que a día de hoxe as grandes superficies e os supermercados non son quen de facer”, explica a xerente da entidade. Tamén entende que están ante un evento que pode ser definitorio para o futuro do sector. “É o momento de reinvertarse”, sostén Rodríguez, “porque a venda presencial está a dar paso á venda a distancia, unha modalidade que moitos praceiros xa aplicaban pero que agora está en pleno auxe entre os clientes dos mercados”.

O GALP Ría de Pontevedra que resaltar que a través da web pescadoartesanal.com as persoas consumidoras poden localizar os puntos de venda de peixe e marisco procedentes da pesca artesanal da ría de Pontevedra. A web recolle o contacto dos postos das prazas comprometidos co produto local e que ofrecen xénero procedente das lonxas da ría.

Apostar pola praza
As praceiras e praceiros son un colectivo formado na súa maioría por autónomos ou pequenas empresas cunha ou dúas persoas empregas que acusa o desgaste do estado de alerta desde o primeiro día. Reivindican o seu traballo e recoñecen que están a ser tempos duros e que se senten un tanto desamparadas. “Aportamos o noso gran de area vindo a traballar e gustaríanos que a xente apostase tamén por nós nestes tempos difíciles”, explica Loli que sabe que hai que aguantar o tirón e “botar unha man porque se todos pensamos en pechar, mal”. Ademais todas coinciden en que isto vai para rato. Juan Ramón, por exemplo, cre que esta situación manterase ata xuño e que entón, tal vez, “poderemos levantar cabeza”. É unha idea que comparten varias das entrevistadas.

Na Federación de Prazas de Abastos de Galicia son conscientes de que estas semanas “están a ser unha proba moi dura para as praceiras”, un colectivo acostumado “a facer grandes sacrificios e a aguantar o que lle boten”, explica a xerente da entidade. Sen saber canto durará o estado de alerta nin como será a volta a normalidade, desde Fepragal están a mediar cos concellos unha prórroga das taxas que deben pagar as praceiras que lles permita “superar mellor todo isto”.

Malia todo hai consumidores que non abandonan a praza, Juan Ramón constata que hai menos xente pero que “levan máis cantidade porque levan para máis tempo. Se antes facían 30 compras de dez euros, agora fan quince de cincuenta”, explica. “O cliente que é de praza é moi fiel, nunca deixa de mercar alí”, recalcan desde Fepragal e esperan que esa fidelidade se manteña durante o estado de alerta. En opinión de Ana “vamos ter que darlle un premio aos que seguen a vir ao mercado, hai que agradecerlles esa axuda”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *