O salón de plenos do Concello de Moaña acolleu esta tarde a reunión das comparsas co goberno local para tratar de acordar unha data na que situar o Enterro da Sardiña ao non poder manterse o 18 de febreiro, como estaba previsto, por ser xornada electoral. Segundo o concelleiro de Cultura, Xosé Daniel Costas, as agrupacións decidiron que o Enterro «non pode celebrarse fóra da semana de Entroido», polo que haberá que levar a cabo un axuste da programación prevista.
Así, na reunión acordouse «falar e convocar a todas as asociacións e colectivos implicados no Entroido, Anpas e asociacións para buscar unha data adecuada para celebrar as múltiples actividades previstas no entroido moañés sen perxudicar a ningunha e para facer de forma colectiva a proposta».
Concello, comparsas e o resto de colectivos participantes volverán organizar outro encontro xa en 2024 para «achegar esas conclusións e acordar como e cando se celebra dentro desa semana o Enterro da Sardiña».