Os nenos participando na iniciativa colectiva polo Día da Arte.

O alumnado das cinco escolas que integran o CRA de Vilaboa (Barciela, Bértola, Figueirido, Paredes e Pousada) conmemorou hoxe o Día Mundial da Arte cunha destacada intervención artística titulada A Gran Cubrición, unha acción colectiva inspirada na obra dos artistas Christo e JeanneClaude.

A actividade supuxo o broche final ao proxecto educativo Lapis, obxectos e cubricións, desenvolvido durante os últimos meses nas aulas. Esta iniciativa forma parte da participación do centro como colaborador na Rede Planea de Arte e Escola, un programa impulsado pola Consellería de Educación, no que o CRA conta co asesoramento do CFR de Pontevedra.

Ao longo do proxecto, o alumnado traballou desde unha perspectiva artística e vivencial a escritura, o corpo e a creatividade, explorando o xogo, os obxectos e a experimentación como ferramentas de aprendizaxe. O proceso favoreceu a escoita, a atención, a comunicación non verbal e o desenvolvemento da grafomotricidade, entendendo a escritura non só como unha ferramenta académica, senón como unha forma de expresión libre, creativa e emocional.

A acción final consistiu en trasladar este proceso ao espazo público, concretamente á contorna do camiño cara á biblioteca (Bibliocra) e as inmediacións do Concello, transformando un lugar cotián nun espazo simbólico de encontro, creación compartida e imaxinación. O percorrido foi intervido mediante unha gran cubrición continua de papel, onde cada participante deixou a súa pegada, convertendo o acto de escribir nun xesto artístico colectivo.

A instalación efémera logrou implicar a cidadanía, sorprendendo tanto a viandantes como a condutores, e xerando un diálogo aberto sobre a arte e o espazo común. O propio alcalde de Vilaboa, César Poza, formou parte da intervención, sumándose a esta experiencia colectiva. Inspirada nas prácticas artísticas de cubrición que transforman e resignifican os espazos, a proposta convidou a reflexionar sobre a pregunta: “E ti, que cubrirías?”.

Deste xeito, o proxecto contribuíu a redefinir o espazo escolar e comunitario, outorgando valor ás producións do alumnado e consolidando a arte como motor de aprendizaxe, emoción e comunidade.

Desde o CRA de Vilaboa destacan que esta experiencia é moito máis que unha intervención artística: é o resultado dun proceso colectivo onde o pensamento, o xogo, a emoción e a creación compartida foron os verdadeiros protagonistas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *