Visita do conselleiro, do presidente do Porto de Marín e do goberno local á empresa Rosa dos Ventos esta mañá.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou esta mañá a empresa familiar Rosa dos Ventos, situada no porto de Marín e unha das sinaturas de comercialización e transformación de produtos do mar «máis importantes para Galicia» por «o traballo que fan e o que queren seguir facendo que repercuten na nosa sociedade». Precisamente aproveitou este encontro para reclamar «un PERTE (Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia agroalimentario) en condicións, que cubra as expectativas que demanda un sector que ten moitas ganas de seguir innovando». En relación ao anuncio realizado polo Goberno no día de onte neste sentido, Villares considera que «non son unhas cantidades que mereza a xente do mar de Galicia porque os proxectos que hai agora encima da mesa son de moitísima envergadura».

A baixada do IVE do peixe foi outra das fortes reclamacións que puxo sobre a mesa o titular de Mar asegurando que «o sector e nós xa non sabemos nin como pedilo». «Queremos que a xente consuma peixe, cansámonos de facer campañas de promoción, todo o mundo dinos que é necesario baixar o IVE do peixe, facémolo constantemente, e non entendemos esta cerrazón de que non se conceda esta rebaixa que permitiría que se consumise moito máis», reclamou. Como exemplo das consecuencias positivas que tería esta rebaixa expuxo un maior consumo por parte das familias e tamén un aumento dos postos de traballo. «É moi necesario para as nosas empresas do mar», apostilou.

«Cambio na psicoloxía»

A propietaria de Rosa dos Ventos, Pilar Otero, sumouse a esta petición da administración autonómica manifestando que reducir o IVE supoñería un cambio na psicoloxía dos consumidores de peixe, pero tamén doutros produtos de primeira necesidade como o aceite ou a pasta. «A xente agora estao pasando moi mal e o consumo do peixe está a diminuír durante estes anos. Se todos poñemos un pouquiño da nosa parte ao final conseguimos que se siga consumindo», expresou ante os medios de comunicación.

Rosa dos Ventos é unha empresa que traballa maioritariamente produto galego, especializada en cetáceos e particularmente en polbo. Otero asegurou que a metade da súa produción é polbo comprado nas lonxas das Rías Baixas e o 15 por cento nas Altas. Ademais dan un servizo engadido ás confrarías e vendedurías con conxelación ou carnada.

O conselleiro estivo acompañado na súa visita polo presidente do porto de Marín, José Benito Suárez, e por varios concelleiros do goberno local encabezado pola súa alcaldesa, María Ramallo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *