O filtro do gasoleo do vehículo averiado.

Un dos veciños denunciou ante á Garda Civil problemas no seu coche

Un dos veciños que pide que se prohiba aparcar no camiño de Couso, na parroquia de Meira, en Moaña, denunciou ante a Garda Civil danos no seu vehículo provocados nos últimos días, Segundo explica o taller, o coche tivo que chegar en grúa porque non arrincaba. Inspeccionan o sistema de inxección do motor e, tras verificar a calidade do combustible, comproban que o depósito tiña «auga mesturada co gasóleo». Tamén observan á chegada ao taller que a tapa de apertura do depósito estaba aberta e «comprobamos que foi forzada».

A porta do depósito forzada.

Estes danos producíronse a pasada semana no medio dun conflito «que pode acabar moi mal se non se para», explica Javier Carro, líder de XM, e persoa que sacou á luz as discrepancias entre os veciños que aparcan os seus coches no vial de Couso e aqueles que piden ao Concello que prohiban estacionar pola falta de espazo para o paso dunha ambulancia medicalizada ante unha emerxencia.

Carro, tras visualizar os vídeos en que os veciños partidarios de continuar aparcando din demostrar que queda espazo para unha ambulancia, cualifica de «manipulación» as imaxes e insiste na necesidade desta prohibición alegando que «a ambulancia medicalizada (máis grande que a que aparece no vídeo) ten un ancho de 2009 cm, ademais de retrovisores». «A ambulancia Medicalizada non creo que puidese entrar e moito menos saír de alí co enfermo», apostila Carro.

O líder de XM lembra que foi el quen solicitou «chegar a un acordo co veciño da viña situada á dereita para ampliar o vial e permitir o paso dunha ambulancia despois de que unha persoa falecese por falta de asistencia médica rápida». Os seus familiares, continúa explicando «non queren que volva pasarlle a ninguén máis e por iso eu estou con eles e con todos aqueles que o necesiten».

Por todo isto, Carro persiste na necesidade de que o Concello actúe e prohiba o estacionamento neste camiño de Couso para o que xa se comprou un sinal de prohibido estacionar que ata o momento non se colocou. «As autoridades están para facer cumprir a lei e non esconderse baixo un paraugas», persevera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *