Este novo medio de transmisión actualizarase con novas de interese xeral, eventos da axenda cultural, avisos, alertas… Está pensado para toda a cidadanía, pero especialmente para aquelas persoas “que non teñen redes sociais e que nos demandan este servizo”, explicou a alcaldesa, María Ramallo
A comunicación coa veciñanza, tanto no que respecta á participación cidadá como na capacidade de facer chegar a toda a cidadanía as novas e eventos que se desenvolven na vila, é fundamental.
Nese sentido, as redes sociais cambiaron radicalmente esta conversación fluída entre a veciñanza e a Administración local, pero hai unha realidade detectada nos últimos tempos: “Somos conscientes de que a comunicación dixital é clave e hai que alimentala, pero non todas as persoas usan redes sociais e sinten que ás veces non se enteran a tempo de eventos ou avisos que volcamos por esa vía”, explica a alcaldesa, María Ramallo.
Sen embargo, “a día de hoxe en prácticamente todos os estratos de idade, desde a xente moza á xente maior, teñen teléfono móbil e utilizan o WhatsApp na súa vida diaria”. Por iso, habilítase desde hoxe unha Canle de WhatsApp, “para que a través dela poidan enterarse cunha mensaxe que lles chega directamente ao seu teléfono”.
É importante aclarar que non se trata dun espazo para chatear nin para comunicarse co Concello, xa que non é o obxectivo da iniciativa. Trátase dunha canle unidireccional, na que ademais están protexidos os datos de todas as persoas que deciden seguir a canle, xa que non se comparten os contactos co resto de seguidores, como si acontece nos grupos de WhatsApp. “Para poder comunicarse co Concello, seguimos tendo as formas habituais: a través do rexistro físico e do teléfono, da sede electrónica e da web (en ambas temos apartados de Queixas, avisos e suxerencias) e polas propias redes sociais, que si permiten esta interacción”.
Como seguir a canle
Para poder ser seguidor da canle, é abondo con premer nunha ligazón que estará dispoñible a través da web do Concello e nos distintos soportes de cartelaría que se colocarán pola vila, con QR escaneable.
Unha vez se preme na ligazón, hai que premer en “Seguir” e despois activar as notificacións premendo na campaíña, de tal xeito que ao noso teléfono cheguen as novidades que se vaian colgando.