Pavimentación de pistas en varias parroquia, mellora do abastecemento de auga, a cuberta do pavillón e o parque infantil de Canaval centran os investimentos
O Concello de Vilaboa sacou a licitación nas últimas semanas varios lotes de obra que en conxunto rondan os 900.000 euros en investimentos centrados sobre todo na repavimentación de pistas e viais en diferentes parroquia e na mellora do abastecemento de auga, ainda que se inclúen partidas para a mellora da cuberta do pavillón e o acondicionamento do parque público do Canaval, en Figueirido.
O goberno local realiza así un importante esforzo inversor para darlle un pulo ao longo deste ano á calidade dos servizos básicos. A dispersidade xeográfica do municipio supón un reto á hora de manter a rede viaria de comunicación interna entre as parroquias en estado óptimo. As memorias descriptivas dos proxectos en licitación recoñecen un avanzado deterioro nalgunhas pistas, que acumulan fochancas de auga que dificultan o tránsito dos vehículos.
A obra que absorbe o maior investimento é a da pista de Pazos, en San Adrián de Cobres con 255.450 euros que se destinarán á limpeza e eliminación do pavimento actual para un reasfaltado posterior, con dotación de canalización para as augas pluviais e medidas de seguridade viaria.
Unha actuación similar realizarase en varios viais de Santa Cristina e Vilaboa, que saen a licitación por un importe de 192.358 euros, e que inclúe obras en Río, Cimadevila, Pazo, Acuña e Paredes, na parroquia de Vilaboa e en Larache, en Santa Cristina. Nunha licitación diferente realizarase o reasfaltado da pista da Lufiña cunha inversión de 42.743 euros.
O Concello destina 187.037 euros ao mantemento e mellora de viais nos lugares de Coruxeiro, Outeiro do Gato e Toural, en Vilaboa, para cumprir co mantemento preciso e adecuar o firme para mellorar a seguridade viaria de peóns e vehículos.