Islas de reciclaje actuales instaladas en diferentes puntos de Vilaboa.

O goberno local leva a pleno o contrato de recollida de lixo, que incrementa a frecuencia da recollida e aposta polo Punto Verde Municipal do Cabalo

O goberno local leva ao pleno ordinario deste luns 5 de agosto a contratación dun novo servizo de recollida dos residuos por un periodo de cinco anos e que suporá un paso adiante na aposta pola reciclaxe e a compostaxe no municipio e unha mellora importante na calidade da recollida xa que implica o incremento da frecuencia da retirada dos residuos, a renovación dos contenedores e o compromiso de limpeza periódica dos mesmos.

Entre as moitas novidades e vantaxes que este novo contrato suporá para a veciñanza cabe destacar a total renovación dos contedores verdes xa que a meirande parte deles están nun estado de avanzado deterioro. En total a empresa que se faga co contrato asume a sustitución de 330 novos colectores que serán distribuídos por todo o termo municipal.

Renovarase tamén toda a contenerización de reciclaxe, incrementando o número actual xa que a intención do goberno local é desenvolver novas liñas de incentivo á separación de residuos entre a poboación. Así o explica o concelleiro de Medio Ambiente, Francisco Costa, que asegura que en municipios rurais como Vilaboa “non ten sentido que os restos orgánicos vaian aos contedores. Temos que seguir traballando na compostaxe individual para que eses restos volvan á terra en forma de abono. Estamos convencidos de que é o xeito de avanzar cara a sustentabilidade deste servizo”.

Sen embargo, e en previsión dun futuro desenvolvemento urbanístico na zona do Toural, o contrato inclúe un anexo que recolle tamén a posibilidade de instalación dun composteiro colectivo neste entorno. “Temos un proxecto global para Vilaboa que pasa polo desenvolvemento do núcleo do Toural. Traballamos na dotación de auga desde Pontevedra, en colaboración coa Xunta, e agora incluímos a compostaxe colectiva neste entorno como previsión de futuro”, indica.

A frecuencia da recollida do lixo é outra das cousas que o goberno subsanará co novo contrato, xa que pasará a facerse de xeito semanal e ata dúas veces á semana nas zonas de máis densidade de poboación, tanto no orgánico como no resto dos residuos. E xunto a este factor, o contrato inclúe tamén a limpeza periódica dos contenedores.


O Punto Verde Municipal do Cabalo é outro servizo que o goberno local potenciará a través do contrato de recollida do lixo que inclúe a obriga para a empresa de asumir o coste laboral de dúas persoas que se encarguen da xestión dos restos de poda que alí se acumulan. “A poboación, tanto particulares como empresas de xardinería, responden moi ben co traslado dos restos verdes ata o Cabalo. Agora queremos dar un paso máis e tratar eses residuos para compostar e iso require un persoal formado que vai asumir a empresa que resulte adxudicataria do servizo”, explica Francisco Costa.

A maiores, e cun contrato separado, Vilaboa regulará a recollida de residuos téxtis a través dunha empresa especializada que ademáis utilice esta actividade para a inserción laboral de persoas vulnerables.

“Estamos ante un contrato moi ambicioso que fará fronte a un servizo que necesitaba unha renovación integral, tanto dos colectores como das frecuencias de recollida e de limpeza. Imos apostar firmemente pola reciclaxe e para eso aumentaremos os puntos e os contedores nos que a poboación poderá depositar os envases lixeiros, cartón, etc.

Os datos das empresas xestoras nos posicionan como un municipio cun alto índice de reciclaxe e queremos seguir nesa liña. É unha responsabilidade colectiva ser respetuosos co medio”, engade César Poza, alcalde de Vilaboa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *