Tras a finalización do curso escolar, desde o Concello de Moaña inícianse os traballos de mantemento e conservación dos colexios de Moaña «unha vez priorizadas e valoradas aquelas actuacións que poden ser realizadas ao longo do verán», explica a concelleira de Ensino, Dolores Chapela.
Concretamente, nestes días comezaron as tarefas de substitución dos teitos do corredor do 1º andar do CEIP Seara, xa que os antigos estaban construídos con fibra de vidro e trátase dun material que pode resultar perigoso para a saúde do alumnado. A obra consiste na substitución dos antigos teitos por escaiola, así como o cambio dos tubos fluorescentes por iluminación LED. Estes traballos de substitución da fibra de vidro dos teitos foi iniciada no 2019 e realízase por fases até completar a eliminación total deste material.
Ademais, no mesmo centro estanse levando a cabo traballos de pintado de dúas aulas de infantil e noutros centros de ensino e na escola infantil A Galiña Azul a brigada de servizos do concello está a realizar diversos traballos de mantemento e reparacións de cara a posta a punto dos colexios para o inicio do curso.