Un vehículo da Policía Local de Marín estacionado nas inmediaciones da comisaría.

A oferta de emprego público, aprobada pola Xunta de Goberno local, contempla tamén unha praza de mestre electricista de promoción interna

A Xunta de Goberno Local aprobou recentemente a oferta de emprego público do Concello de Marín, que foi tratada na Mesa de Negociación para que fose valorada polos sindicatos e que finalmente foi aprobada por consenso, para sacar adiante as novas contratacións.

Así, convócase unha praza de Policía, outra praza de peón e unha de axudante de mantemento de deportes, as dúas primeiras con sistema de selección oposición por quenda libre e a terceira por concurso oposición. No caso da promoción interna, convócase unha praza de mestre electricista, con sistema de concurso oposición.

Esta información contractual será publicada no taboleiro de anuncios do Concello e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Tal e como indican fontes municipais, agora xa dará comezo á negociación de cara á apertura da próxima oferta de emprego.

Adxudicada a Xercode a segunda fase do proxecto de dixitalización das súas fontes documentais

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén a adxudicación á empresa Xercode da segunda fase do proxecto de dixitalización das súas fontes documentais, co obxectivo de catalogar dixitalmente o seu arquivo, á vez que se mellora a conservación física do mesmo, renovando caixas e encadernacións gastadas por mor do paso do tempo.

Con esta nova fase, preténdense conservar 163.500 imaxes, comprendidas en 364 volumes, correspondentes a fontes documentais, bibliográficas e cartográficas, que conten con información de interese para os cidadáns do concello e para a investigación histórica e documental.

Na actuación, investiranse 90.000 euros con cargo a unha subvención da Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Ademais, deste xeito o contido poderá ser consultado e difundido a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, un programa cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *