A alcaldesa de Marín cos representantes das distintas ONG´s.

A colaboración do Concello coas ONGs é un traballo constante que se fai ao longo do ano, tanto no que respecta ao apoio económico como na coordinación do seu labor grupal, que permite que a atención social e a solidariedade na nosa vila funcione como unha engranaxe perfectamente engrasada.

Por iso, a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, mantivo unha reunión este luns coas principais asociacións benéficas da vila, que hoxe volveron polo Concello para ser recibidas pola alcaldesa, María Ramallo, e así poder firmar os convenios das subvencións nominativas que se lle dan cada ano, co seguinte reparto:


AECC 5.000 €
Sor Elvira 3.000 €
Amenac 3.000 €
Cáritas Santomé 1.000 €
Comedor Social 5.000 €

Ademais desta axuda directa que perciben, repártense gastos que asume o Goberno local relacionados coas distintas campañas para propiciar a captación de fondos para as entidades, como son as chocolatadas e as campañas de agasallos do Nadal, así como unha asignación que se lles dá nestas datas para adquirir alimentos no supermercado.

En total, esa contía ascende a 9.950 euros, que sumado ao que se inviste nas subvencións nominativas fai un total de 21.950 euros cos que se trata de apoiar ao máximo o labor esencial que realizan estas organizacións solidarias na nosa vila.

Renovación de datos das familias e aumento de prezo dos alimentos

Entre as cuestións que os representantes das ONGs trataron coa alcaldesa e a concelleira destaca a petición de que as familias que son usuarias das entidades renoven os seus datos en Servizos Sociais, co obxectivo de que non se dean duplicidades e que a atención social que se lles facilita estea o máis acorde posible á súa situación actual. Por outro lado, tamén reflexionaron sobre como notan a tremenda inflación que a día de hoxe afecta aos prezos da cesta da compra.

De cara aos últimos meses do ano, xa teñen previstas cales serán as accións a desenvolver en colaboración co Concello para así poder seguir traballando codo con codo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *