Tiro Naval Janer de acceso a la Finca de Briz.

O proxecto de urbanización desta rúa foi presentado ao Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra para acadar unha financiación de cerca de 1,5 millóns de euros

O Concello de Marín leva traballando na última década por impulsar unha transformación urbana que permita construir o Marín do futuro. Este desenvolvemento urbanístico faise en base a unha estratexia consolidada, que emana da aprobación de dous documentos esenciais en materia urbana: o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e a Axenda Urbana de Marín.

Unha das claves deste desenvolvemento do espazo urbano está sendo o traballo de xestión para acadar financiación supramunicipal, de tal forma que todas as obras que se están executando no centro urbano “non nos costan cartos públicos locais”, detallou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo.

A rexedora avanzou que o obxectivo é “que o noso casco urbano estea renovado en todas as rúas que levaban tempo pedindo unha actuación” e dentro delas destaca Tiro Naval Janer, cuio proxecto de urbanización foi o elixido para concorrer aos fondos do Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra, do que se pretende conseguir cerca de 1,5 millóns de euros para investir nesta vía. Na actualidade, a Rúa Tiro Naval Janer dispón dun sentido único de circulación, con aparcamento en liña sen delimitar na marxe esquerda, dúas prazas de mobilidade reducida repartidas ao longo do seu trazado e beirarrúas en ambas marxes con ancho variable.

Esta estrutura urbana non é a máis adecuada e por iso actuarase ancheando as beirarrúas, reducindo deste xeito o ancho da calzada ao propio dun único carril e mellorando a sinalización horizontal da liña de estacionamento, que se manterá na súa totalidade. Fomentarase o calmado da velocidade do tráfico, que
redundará nun aumento da seguridade viaria na zona.

Ademais, renovarase completamente a rede de saneamento e augas pluviais e establecerase a conexión co colector da marxe dereita do río Lameira. A maiores, substituiranse todas as fontes de luz actuais por luminarias tipo LED, para seguir traballando no obxectivo dun Marín sostible a nivel enerxético.

Mellora da accesibilidade á Finca de Briz

Outro dos puntos clave do proxecto será a mellora da accesibilidade á Finca de Briz, xa que aínda que a Rúa da Costa conta cun itinerario peonil, este presenta unha pendente do 20% e polo tanto está fóra de toda normativa actual en materia de accesibilidade.

Persoas maiores, con mobilidade reducida, carriños de bebés, nenos e nenas con instrumentos musicais… son só algúns dos perfís que comunmente acuden a estas dependencias para realizar trámites, así como moitas familias que van a desfrutar do entorno.

Para resolvelo, o proxecto contempla a instalación dun andén móvil de 31 metros que salve esa pendente existente entre a Rúa de Tiro Naval Janer e o acceso principal á Finca de Briz, cuberta cunha pérgola vexetal coa que embelecer a instalación e que á súa vez aumente a vexetación, actualmente inexistente na zona.

Con esta intervención de humanización, dáse continuidade ás melloras que xa foron realizadas, por unha banda, na Rúa do Forte, que tamén é unión entre o centro e o cinturón litoral, e na súa segunda fase (coa execución pendente de licitación e que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística), e, por outra, á mellora da Rúa José del Río, que circunda á Finca de Briz.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *