Estatua Johán Carballeira.

Aberto o prazo para presentar traballos aos certames da próxima edición, ata o 30 de xaneiro de 2021

O Concello de Bueu organiza o próximo luns, 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, que se celebrará no Parque Ramal dos Galos a partir das 21.30 h.

O evento contará con Marcos Abalde Covelo, gañador da categoría de poesía con Alcatrán, e Nieves Neira, galardoada en xornalismo pola reportaxe ‘A fotógrafa, revelada’, publicada no Diario de Pontevedra e na que retrata a vida da fotógrafa pioneira na Galiza, Maruja Roca.

A música do cantautor guardés Tino Baz poñerá o broche final a esta xornada, que contará con todas as medidas de seguridade e hixiene anticovid, como en todos os eventos deste verán promovidos polo Concello de Bueu.

Convocatoria do premio

Por outra banda, o Concello de Bueu vén de convocar os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2021, e que contarán cunha dotación económica de 1500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.

As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web do Concello de Bueu.

Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira. O certame celebra este ano a vixésimo cuarta edición na categoría de poesía e a décimo oitava na de xornalismo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *