O alcalde xunto a responsable de FCC Aqualia en Vilar.

O Concello de Bueu e FCC Aqualia, empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, están acometendo conxuntamente a ampliación do servizo de abastecemento no lugar de Vilar, na parroquia de Beluso. As obras consisten na instalación da rede de abastecemento nun tramo de 120 metros, que vai permitir que cinco vivendas do lugar poidan conectarse ao servizo municipal de auga.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou as obras que se levan a cabo xunto a Carolina García, xefa de servizo de FCC Aqualia, e salientou que “este tramo súmase ao que se levara a cabo hai dous anos na aldea, e outro que se realizará proximamente, co que dariamos servizo á totalidade das vivendas”.

Así mesmo, a vindeira semana está previsto que comecen na Avenida da Barca os traballos de substitución das beirarrúas nun tramo de 120 metros, actuación financiada pola Xunta de Galicia e que o Concello aproveitará para substituír a rede de abastecemento na zona. Tal e como vén sendo habitual, “dende o goberno tentamos optimizar sempre os recursos e por iso cando se levan a cabo certas obras, buscamos de renovar os servizos municipais, apunta Juncal.

E tamén nos próximos días se continuará coa renovación da tubaxe de abastecemento no lugar das Meáns, que segue ao tramo que se fixera hai uns anos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *