Convocouse unha reunión entre as tres partes na que se decidiu por unanimidade que o 29 de setembro marque a celebración todos os anos tanto do acto do Ateneo, que será o domingo seguinte ao 29, e o San Migheleiro, que será a fin de semana anterior
A festividade do San Miguel, patrón de Marín, que se conmemora o 29 de setembro, ten dúas datas importantes asociadas no calendario cultural e festivo da vila: o San Migheleiro e o acto institucional de San Miguel.
Por iso, de cara a este ano e tamén aos próximos anos, o Concello quixo organizar unha reunión a tres bandas entre a hostalaría local, o Ateneo Santa Cecilia e o Concello, co obxectivo de clarificar o calendario e poñer as datas fixas de cara á organización destas festas.
A reunión, na que estiveron as concelleiras Marián Sanmartín e Itziar Álvarez, celebrouse esta mañá no Museo Municipal Manuel Torres e nela se acordou, por unanimidade, que o 29 de setembro será a data que sirva como punto de referencia para as outras dúas celebracións.
Deste xeito, o acto institucional, a misa e a Danza de Espadas será sempre o domingo seguinte ao 29 de setembro, namentres que o San Migheleiro será sempre o fin de semana anterior.
A finalidade é poder organizar o calendario festivo de tal forma que ambas datas teñan a súa representatividade e poidan ser previstas con tempo.