Presentación do documental esta mañá no Concello.

Será unha preestrea reservada só para patrocinadores, amigos, familia e
mecenas. Despois, o documental estará presente no circuito galego de festivais e en setembro volverá a Seixo para a súa estrea pública

Con 10 anos, Aarón case morre atropelado. A súa nai, Rosa, loitará para que saia adiante e cumpra o seu soño: ser campión de España de boxeo. Ese é o resumo do documental “Devolviendo el golpe. La vida le tumbó pero no le dejó K.O.”, que conta a historia de superación de Aarón González, hoxe máis coñecido como Aarón The Thunder, e que xa está listo para a súa preestrea en Seixo.

O documental ten selo marinense en todas as súas caras. O xornalista Carlos Prado é o director do filme, que foi gravado pola produtora marinense Trece Amarillo. A súa realización contou, ademais, coacolaboración económica do Concello de Marín.

A alcaldesa María Ramallo recibiu hoxe no Concello a Prado, a Aarón e a Diego Muñoz e Diego Santaclara, da productora, para presentar a preestrea que terá lugar no Cine Seixo este venres, 23 de xullo. Tal e como explicou o director, “queremos facer este primeiro pase para todas aquelas persoas que participaron no crowfounding que impulsamos para rematar de sacar adiante o proxecto”. Un total de 122 mecenas que aportaron 5.730 euros para financiar o documental. “Superamos o obxectivo que tiñamos antes incluso de que rematase o prazo para participar”, lembra Prado, emocionado pola implicación da veciñanza de Marín.

A preestrea organizarase (por cumprimento de aforo) en tres sesións, a partir das 19.00 horas, para que poidan acudir tanto representantes das institucións colaboradoras como todas esas persoas que aportaron o seu grao de area. Ademais, Prado informou de que aquelas persoas que acudan ao estreo recibirán tamén na súa casa ese mesmo día o enlace para ver o documental, “polo que poderemos chegar a todos os que participaron na campaña de mecenado aínda que non poidan estar fisicamente o venres no cine”.

Ademais, para seguir dotando de talento marinense ao proxecto, será a actriz e presentadora Mayka Braña a encargada de conducir o acto. Despois da preestrea, está previsto que o documental vexa a luz de forma oficial no mes de setembro nun dos festivais de cultura audiovisual máis importantes de Galicia. “E despois volverá a Seixo xa en formato de portas abertas para que o poida ver quen queira”, explicou o director.

Para a alcaldesa, “apoiar un proxecto coma este é sinónimo de apoiar á cultura feita desde Marín e cunha mensaxe clara de superación, cuns valores importantísimos como son os que traslada Aarón e súa familia”.

Ramallo felicitou a todas as partes implicadas no proxecto polo seu traballo e “por poñer a Marín no mapa a través dunha historia coma esta, na que coñeceremos un pouco máis á persoa que está detrás do deportista”. Pero non só iso, “senón que tamén entenderemos a forza e a importancia da súa nai, de como as persoas que queremos son, en moitas ocasións, as que nos axudan a cumprir os nosos soños e as que apostan por nós”.

Sinopse

“Devolviendo el golpe” é a historia de superación do boxeador galego, Aarón The Thunder, e de súa nai, Rosa. O accidente de Aarón marcou a vida desta familia para sempre, pero fronte á posibilidade de afundir, o que decidiron foi loitar e devolverlle o golpe á vida.

Rosa fará o imposible para que o seu fillo cumpra o seu soño a pesar das adversidades e das dificultades derivadas do accidente: adicarse ao boxeo e ser campión de España.

Facebook do documental:
https://www.facebook.com/devolviendoelgolpedocumental

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *