Reunión da Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero.

Servirá para crear un espazo de reflexión e de intercambio de ideas e comezará a funcionar mañá, 7 de outubro, o primeiro e o terceiro xoves de cada mes de 18.00 a 20.00 horas

A concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín, presidiu a reunión da Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero, na que participaron representantes do CIM de Marín, Servizos Sociais, a xefa da unidade de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, a policía Local e Nacional, a asistenta social do Centro de Saúde e a representante do Punto de Intercambio Familiar.

Aproveitouse para facer unha primeira aproximación aos puntos que se incluirán no contido da declaración que se lerá o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Segundo indicaron desde o CIM, nesta declaración procurarase lanzar a mensaxe da necesidade de traballar nunha sexualidade responsable entre a poboación máis nova, xa que se detecta un incremento dos casos de violencia sexual entre adolescentes.

Tamén quérese reforzar a idea da parentalidade positiva nas familias, traballando sobre todo nos casos de divorcio, para que haxa unha corresponsabilidade real no coidado dos fillos. Os casos que recentemente se deron de violencia vicaria puxeron tamén sobre a mesa esta forma de instrumentalización das crianzas nas parellas. Por iso, desde o CIM queren visibilizar neste 25N o recoñecemento legal de vítima da violencia de xénero por violencia vicaria, e que se faga con carácter retroactivo.

Por outra banda, tamén se visibilizará a violencia económica coma outro factor,
centrada no impago de pensións de alimentos ou compensatorias, despois de
que a Sala do Penal do Tribunal Supremo do 17 de marzo fallase unha novida
sentencia en torno a esta cuestión.

Ademais, outra das cuestións que se quixo resaltar foi a necesidade de visibilizar ás mulleres maiores, moitas das cales levan anos en situacións vulnerables e teñen máis dificultades para acceder aos recursos ou para verbalizar a súa
situación.

Grupo de Intervención Comunitaria

Por outro lado, a Mesa repasou as accións que se levaron a cabo nos últimos
meses pola Concellaría de Igualdade a través do CIM, algunhas das cales
activaranse a partir desta semana:


● A posta en marcha dun programa de acompañamento sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, un recurso de atención e orientación que serve para mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas ou en situación de vulnerabilidade.
● Creación do módulo de sensibilización en Igualdade, unha plataforma online con catro temas distribuídos en 12 horas e que estará a disposición da cidadanía en www.cimdemarin.es
● Activación do grupo de intervención terapéutica para mulleres, que comezará o 7 de outubro, o primeiro e o terceiro xoves de cada mes de 10 a 12.
● Tamén o 7 de outubro iniciarase un Grupo de Intervención Comunitaria aberto ao público, o primeiro e o terceiro xoves de cada mes de 18.00 a 20.00 horas, que será aberto ao público e que terá como obxectivo a creación dun espazo de expresión que permita a reflexión de ideas e pensamentos en común.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *