Centro de saúde de Marín.

Nesta plantilla de profesionais que traballan nos centros de Marín e de Seixo hai 16 médicos de familia, 2 pediatras (e 2 prazas pendentes de cubrir en canto haxa persoal dispoñible para a súa contratación), 19 persoas en Enfermaría, 4 auxiliares, 2 matronas, 8 persoas na área administrativa, 1 odontólogo, 1 hixienista, 1 traballador social, 2 fisioterapeutas e 1 nutricionista, esta última compartida con Bueu

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, analizou onte a situación sanitaria en Marín, co obxectivo de facer unha panorámica dos servizos que actualmente se prestan, así como da total cobertura das prazas asistenciais. “Entre os centros de saúde de Marín e Seixo”, explicou a alcaldesa, “temos 16 médicos de familia, 4 pediatras, 19 persoas en Enfermaría, 4 auxiliares, 2 matronas, 8 persoas na área administrativa, 1 odontólogo, 1 hixienista, 1 traballador social, 2 fisioterapeutas e 1 nutricionista, este última compartida con Bueu”.

É dicir, un equipo humano de 59 persoas para atender as necesidades da veciñanza ás que desde xaneiro “sumouse un novo perfil profesional moi necesario nestes momentos: un psicólogo clínico que pasa consulta desde xaneiro no noso Centro de Saúde, o que o convirte no único en toda a área sanitaria xunto co Virxe Peregrina de Pontevedra no que se presta este servizo”, recalcou Ramallo. Nestes momentos, todas as prazas de médico de familia están cubertas. “Non temos vacantes”, explica a rexedora. Destas prazas, dúas son baixas de longa duración que se están cubrindo cunha substitución e con prolongacións de xornada.

No caso das catro prazas de Pediatría, hai dúas vacantes desde hai apenas dous meses “debido a un concurso de traslados”. O obxectivo é cubrir esas dúas prazas, que están totalmente recoñecidas dentro da plantilla xeral do sistema sanitario en Marín, “pero de momento non hai pediatras dispoñibles nas listas de contratación”, aclara Ramallo.

A alcaldesa quixo facer referencia tamén á situación das urxencias do PAC: “Todos entendemos que os picos de ingresos ou de infeccións respiratorias, por exemplo, como as que se puideron vivir nos peores momentos do inverno, tensionan as urxencias. Pero non é verdade que non tiveramos médico. Desde o 10 de febreiro do ano pasado están todas as prazas do PAC cubertas e nunca quedou este servizo desatendido”.

Novo centro de saúde, ambulancia 24 horas, servizos de Radioloxía e Fisioterapia e novo Centro de Día público

Ramallo asegurou que, “coma todo, sempre pode mellorarse, pero se facemos un repaso dos últimos anos creo que é de xustiza recoñecer todo o que melloramos en Marín”.

Nos últimos 11 anos, “creamos un novo Centro de Saúde, que era unha necesidade imperiosa á que se destinaron 5,3 millóns de euros en 2016 e que cambiou radicalmente a asistencia na nosa vila. Pero tamén recuperamos a ambulancia no PAC as 24 horas, engadimos Radioloxía ao catálogo de servizos do Centro de Saúde, restablecimos no seu día a praza de médico en Seixo os cinco días á semana e recuperamos a dotación de fisioterapeutas”, enumerou a alcaldesa.

E se pensamos noutras infraestructuras asistenciais “non podemos deixar atrás que desde hai pouco temos un Centro de Día público para poder axudar a un envellecemento activo e atendido en para os maiores que teñen recoñecido algún grao de dependencia, o que supón un servizo esencial que pouco a pouco está axundado ás familias que se atopan nesta situación”.

Ramallo avanzou, ademais, que se está a traballar co persoal do Centro de Saúde para impulsar actividades e iniciativas relacionadas coa educación e prevención en saúde e hábitos saudables, “para que non teñamos que esperar a coidarnos e a ter un maior benestar físico e mental a cando estamos enfermos, senón que debemos promover proxectos que nos axuden a facelo antes”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *