O pasado venres, o CEIP de Seixo acolleu o acto de presentación do cartel para a Xornada de Portas Abertas e de visita á exposición do 50 aniversario do centro, que vai ter lugar o sábado día 18 de xuño en horario de 11.00 a 14.00 horas.
Será unha xornada que pretende ser aberta a toda a comunidade, á veciñanza e a todas aquelas persoas que por un ou outro motivo séntense identificadas co centro educativo e lles apetece lembrar aqueles tempos. A xornada estará amenizada a partir das 12.30 horas polo grupo de gaitas Os Chaneiros.
Ao acto de presentación asistiu a concelleira e membro do Consello Escolar, Raquel Soage e representantes de diferentes asociacións relacionadas co centro: Grupo Cultural Ronsel, Asociación de Pescadores Chirleu, Asociación de Comerciantes ACEMAS, Asociación Cultural Santomé e a Anpa Abelendos.
Estas asociacións serán as encargadas de axudar ao centro a darlle difusión a este acto para poñer o broche de ouro a este curso escolar, centrado nos 50 anos de vida do CEIP.