O Centro de Acollida e Protección de Animais da Armenteira ten recollido ata mediados deste mes de agosto 747 cans e cadelas, dos que 350 foron devoltos aos seus propietarios
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra continúa a amosar o seu bo ritmo de adopcións e xa son 302 os cans e cadelas que este ano atoparon un novo fogar despois de pasar polas instalacións da Armenteira. De seguir esta tendencia, todo apunta que o CAAN previsiblemente poderá pechar o 2020 superando as 466 adopcións do pasado ano e que supuxeron o seu récord, tal e como avanzou hai unhas semanas a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, trala súa visita ao centro.
Hai que lembrar que as adopcións estiveron practicamente suspendidas desde o inicio do estado de alarma o 14 de marzo ata o 11 de maio, en que comezou a fase 1 da desescalada, momento en que foron retomadas co sistema de cita previa. Dende entón, houbo 208 adopcións, das que hai que destacar as rexistradas durante os meses de verán. Así, en xuño foron 57 os cans e cadelas que saíron do CAAN, mentres que en xullo foron 62 e do 1 ao 16 de agosto houbo un total de 24 adopcións. Dende 2015 van xa preto de 2.000 adopcións.
A outra cara da moeda está nas recollidas que segue a efectuar o persoal do CAAN. Ata o 16 de agosto, foron un total de 747, cunha media de 99,6 por mes, que porén é menor á de 126,8 mensuais do pasado 2019, anualidade que se pechou con 1.332 recollidas . Hai que destacar que do total de animais recollidos, 216 cans e cadelas foron entregados aos seus donos no lugar do aviso, mentres que outros 134 foron recollidos xa no centro polos seus propietarios e propietarias. Sumados ás 302 adopcións, supoñen unha cifra de 652 animais recuperados polo persoal do CAAN e que, ou ben volveron ao seu fogar, ou atoparon un novo.
Coa incorporación este ano de Ponteareas e O Porriño, son xa 50 os concellos da provincia pontevedresa que están adheridos a este servizo da Deputación para a recollida de animais. Recentemente, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, inaugurou as obras de reforma do centro, que permitiron, entre outras actuacións, eliminar as gaiolas da zona de corentena, así como habilitar unha nova zona de maternidade e mellorar a de hospitalización e clínica.
As persoas interesadas deben solicitar a cita no teléfono 986 140 360 e , unha vez que se despracen ao recinto da Armenteira, deberán agardar se é preciso a súa quenda no exterior do centro, co obxecto de evitar concentracións, cumprindo así o protocolo covid19. Outras medidas adoptadas polo centro dependente da institución provincial son a atención individualizada a cada visitante, a utilización de luvas e máscaras dentro do recinto e o mantemento das distancias de seguridade.