Veciños reunidos coa Alcaldesa na zona da PO-551 en peor estado, a Porta do Sol.

Paulo Ríos advirte do deterioro dunha estrada vital para a localidade e pide ao Executivo galego unha acción integral de mellora e humanización

O BNG levou ao Parlamento galego o deteriorado estado no que se atopa a estrada PO-551 ao seu paso polo concello de Moaña para reclamar á Xunta unha partida específica no vindeiro orzamento que permita levar a cabo as accións precisas para a súa mellora e humanización.

Segundo explicou o deputado nacionalista Paulo Ríos, a estrada -de titularidade e competencia do Goberno galego- é unha das arterias principais de Moaña e “leva moitos anos nun abandono total en moitos dos seus puntos”, pese a ser a que máis carga de usuarixs soporta de todo o concello. “Non entendemos que existan tramos, moitos deles dunha clara natureza urbana, nunhas condicións de conservación e mantemento moi deficientes e mesmo perigosas”, reprobou.

Neste sentido, reclamou a humanización da vía con accións “que poñan no centro a calidade de vida das persoas que viven, traballan e a utilizan”. “O que non pode pasar é que deixemos que se estrague unha infraestrutura central para a vida no concello de Moaña”, recalcou, logo de advertir que “agora mesmo hai moitos tramos onde as beirarrúas están afundidas ou totalmente rotas, con tubaxe saíndo polos buracos e sen unha accesibilidade para as persoas con problemas de mobilidade, mentres que noutros, as beirarrúas practicamente non existen, facendo perigar a seguridade de quen ten que pasar por elas”.

Ríos considerou “de xustiza” o arranxo da PO-551 ao seu paso pola localidade e, en consecuencia, unha actuación áxil da Xunta ante unha situación que, por outra banda, xera tamén un gran malestar entre a veciñanza, “que ve como se actúa noutros ámbitos e infraestruturas, mais parece que isto non toca”. Nesta liña lembrou que a humanización e adecuación da estrada xa foi obxecto de diferentes mocións do Concello de Moaña ao longo dos últimos anos, “algunhas apoiadas por unanimidade de todas as forzas políticas e outras, co voto en contra do PP pero, sexa como sexa, o goberno local ten trasladado á Xunta en reiteradas ocasións esta necesidade”.

“Entendo que as señorías do PP coñecen de primeira man o estado de conservación do que estamos a falar xa que, como puidemos ver na prensa, o señor Rueda estivo hai uns días en Moaña co voceiro do PP e de seguro que puido ver e dar conta da situación”, ironizou, para a continuación subliñar que as actuacións que se están a realizar nalgúns tramos concretos, como nas parroquias de Tirán, Domaio ou Meira, “chegan tarde e son totalmente insuficientes”.

“Precisamos unha actuación integral que aposte por unha mobilidade e accesibilidade deste século, que aposte polas persoas, pola súa seguridade e pola mellora da súa calidade de vida”, concluíu na defensa dunha iniciativa que non prosperou polo veto do PP.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *