Xa o deixaron entrever pero a realidade demostrouse nesta entrevista. Unha conversación coas mesmas preguntas, pero por separado e sen posibilidade de comunicación, ás dúas mulleres que representan ao goberno bipartito de Moaña.
Leticia Santos, polo BNG, desde a Alcaldía e a outra, Marta Freire,
Leticia Santos, alcaldesa de Moaña polo BNG.
M.N.: ¿Qué balance fas destes seis anos?
L.S.: O que máis valoro é o que conseguimos avanzar nas políticas sociais do Concello e mellorar a vida da xente.
M.N.:¿Qué proxectos destacarías?
L.S.: Sen dúbida, teño que destacar o Centro de Saúde, o Camiño Real, o anteproxecto de posta en valor do Paseo de Seara e a escola infantil de Domaio.
M.N.: ¿Algún ou algúns dos que non che sintas especialmente orgullosa?
L.S.: Recoñezo que sinto orgullosa de todos porque dos erros tamén aprendes. Valoro moito o traballo que facemos e non podo dicir que non me senta orgullosa de ningún proxecto. O importante é saber rectificar.
M.N.: ¿Adoita haber momentos de tensión entre vós?
L.S.: Recordo como un dos momentos máis difíciles para min foi cando se achegaba a investidura hai dous anos e non tiñamos un pacto de goberno pechado. Eu non desexaba un goberno en minoría e para min era importante integrar aos tres concelleiros do PSdeG e aí Marta era clave. Eu quería que ela entrase no goberno. Con todo, na xestión diaria municipal non adoita haber tensión entre nos. Pode que discrepemos por temas de ideoloxía pero non por asuntos do Concello e unhas veces ela convénceme a min e outras eu a ela. Sabemos que somos o equilibrio do goberno.
M.N.: Polo tanto, non é a nómina o que vos une…
L.S.: Iso é unha bobada que só o di o voceiro do PP de Moaña. Creo que a veciñanza entende que quen traballa merece un salario. Únenos un proxecto, a nómina non inclúe a responsabilidade e a dedicación que temos no Concello. Realmente temos vontade de servizo aos veciños.
M.N.: ¿E esa dedicación chega a afectar o ámbito máis persoal?
L.S.: Por suposto. A miña familia é consciente da responsabilidade e é comprensiva pero téñome perdido cousas importantes. Por iso digo que o salario non cobre moitas cousas… Se o fixésemos por diñeiro non estariamos aquí por ese salario. E, ademais, (con ironía) a Alcaldía custoume moitos quilos gañados pola tensión.
M.N.: ¿Con qué palabra describirías á oposición?
L.S.: Insolidaria. Non soubo estar á altura das circunstancias na pandemia, evitando participar das decisións e ata da vida municipal. E en ocasións, tamén, egoísta. Só pensan neles e só míranse a se mesmos.
M.N.: ¿Consideras que tes oposición?
L.S.: Eu creo que non é a oposición que lle gustaría á veciñanza porque non está a ser nada construtiva. Normalmente opoñense a todo sen motivos e as poucas propostas que fan non parten do PP sino de XM. Só hai que mirar quen presenta as mocións que se aproban…
M.N.: ¿Consideras a Marta compañeira de traballo ou amiga?
L.S.: Despois de seis anos de relación, hai vínculo profesional pero tamén persoal. Pasáronnos moitas cousas no últimos seis anos e a nivel afectivo e persoal démonos apoio persoal. Nos momentos malos, unha tentou tirar da outra e iso tamén é importante e axudou a reforzar o goberno.
M.N.: ¿Cómo che planteas os próximos dous anos?
L.S.: Temos moitos proxectos para sacar adiante e cando pasen estes dous anos que faltan Moaña vai ter servizos que antes non tiña. A calidade de vida dos moañeses e as moañesas vaise ver moi beneficiada oito ano despois. Iso é o que buscaba o noso proxecto de goberno, aínda que volvamos tolos ao persoal municipal en moitas ocasións. A eles quero agradecerlle o traballo realizado, do mesmo xeito que ao resto do goberno. Tamén á xente que nos permitiu continuar co proxecto.
M.N.: ¿Volverás encabezar a candidatura do BNG de Moaña dentro de dous anos?
L.S.: Iso é cousa de equipo… O que teño claro é que no momento que perda a ilusión, renunciarei ao posto.
polo PSdeG, na tenencia de alcaldía. As súas respostas, aínda que co toque particular de cada unha, van na mesma liña.
Ambas comezaron no goberno local sen experiencia política en 2015 e desde entón xestionan o concello. Esta semana hai dous anos que renovaron o pacto tras as eleccións de 2019.
Marta Freire, teniente de alcaldesa de Moaña polo PSdeG.
M.N.: ¿Qué balance fas destes seis anos?
M.F: Foi unha aprendizaxe constante para os dous partidos porque todos eramos novos pero o cambio resultou importante para os veciños e veciñas de Moaña porque se conseguiron importantes avances en temas que estaban estancados dende fai anos.
M.N.:¿Qué proxectos destacarías?
M.F: En primeiro lugar, a recuperación económica do Concello que foi o punto de partida para desenvolver políticas como as que estamos a facer, fundamentalmente as de carácter social. É o goberno que máis investiu en políticas sociais da historia en Moaña. Pero non podo esquecerme do Centro de Saúde, a Moaña Verde, a inclusiva ou a mobilidade sostible que non estaba na axenda política de 2015. O compromiso de todo o equipo foi clave para conseguilo.
M.N.: ¿Algún ou algúns dos que non che sintas especialmente orgullosa?
M.F.: Creo que non hai ningún que non senta como meu porque todos foron resultado da achega que fixemos tamén do partido socialista. Está claro que sempre hai algúns que pasado o tempo analizas e realizarías dunha forma diferente, pero son o resultado dun proceso de participación interno e dos colectivos veciñais.
M.N.: ¿Adoita haber momentos de tensión entre vós?
M.F.: Non lembro enfrontamentos a nivel político entre a alcaldesa e eu como figuras dos dous partidos, aínda que si recoñezo discrepancias políticas porque somos partidos diferentes. Non tanto a nivel local porque todo o que realizamos vai na liña de traballo, senón por temas a nivel estatal e autonómico. Por se alguén o pensa, nunca nos pegamos… aínda que somos as dúas de moito carácter (bromea…).
M.N.: Polo tanto, non é a nómina o que vos une…
M.F.: Pois non. Únenos un proxecto político, creo que fomos capaces de marcar un punto de inflexión na política local porque ata a nosa chegada os gobernos de coalición destacaban máis polas loitas internas e pola loita de egos que polo traballo que tiñan por diante. A moita xente sorprendeulle a capacidade de entendemento e de diálogo que hai entre nós.
M.N.: ¿E esa dedicación chega a afectar o ámbito máis persoal?
M.F.: A nivel persoal réstache tempo que tes que dedicar aos teus. Non tes horario como nunha empresa e a nosa xornada laboral vai moito máis alá das 8 horas. Aínda así, a política non me quitou moito porque fun capaz de conseguir ese punto intermedio para compaxinar o espazo privado co público. Non me quitou a min, quitoulle aos que están comigo. A pandemia para nós foi o traballo extremo…
M.N.: ¿Con qué palabra describirías á oposición?
M.F.: Egoísta. Non teñen compromiso institucional e cando actúan, as poucas veces que o fan, móvense polo seu propio beneficio. Dáme mágoa que persoas que estiveron á fronte do Concello noutras épocas non aprendesen nada no seu paso pola Alcaldía. Cren que certas críticas prexudican ao goberno e realmente a quenes prexudican é ao pobo. Iso si, recoñezo que hai diferenzas importantes entre o líder do PP e o de XM. Aínda que nestes seis anos tiven desencontros co Sr. Carro, o nivel de diálogo con el é moito maior que co Sr. Fervenza. O líder do PP cre que desde a confrontación vai sacar rédito político e creo que se equivoca, en seis anos non fixeron ningunha proposta.
M.N.: ¿Consideras a Leticia compañeira de traballo ou amiga?
M.F.: Considéroa, ante todo, compañeira de traballo pero sei que cando isto termine teño a unha persoa á que podo chamar e coa que quedar porque ao final son moitas horas de traballo e iso une máis aló do traballo. En seis anos foi moito tempo compartido e nalgunhas ocasións Leticia tamén foi o meu confidente a nivel persoal. Aínda que iso si, a nivel político, os meus confidentes son os meus compañeiros de partido.
M.N.: ¿Cómo che planteas os próximos dous anos?
M.F.: O máis importante é que nos dous anos que falta ata que se termine esta lexislatura constrúase o novo Centro de Saúde de Sixalde. Sería un éxito da persistencia veciñal. Outro proxecto polo que imos loitar é o de Moaña pola Costa e temos que contar con todas as administracións con competencias no noso litoral para conseguilo.
M.N.: ¿Volverás encabezar a candidatura do PSdeG de Moaña dentro de dous anos?
M.F.: Non o sei, déixoo para a seguinte entrevista… Todos temos un ciclo.