Bará anunciou que se retomarán as ofertas formativas de composites, madeira, redes, plásticos, neumáticos, instalacións e velería
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra para as eleccións galegas, Luís Bará, comprometeuse hoxe a reabrir o centro de formación profesional marítimo pesqueira A Aixola do Porto de Marín-Pontevedra con toda a súa oferta formativa para pemitir a inserción laboral de mozas e mozos en profesións con importante demanda. “Queremos poñer en marcha un goberno novo liderado polo BNG para activar este país, para darlle saída á xente nova e que non teña que emigrar”, afirmou.
Bará explicou que a intención do BNG -unha vez teña responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza- é poñer a andar toda a maquinaria para reabrir de inmediato o centro e que este volva converterse nun referente dentro do sector do mar. Anunciou que se retomarán as sete ofertas formativas impartidas no seu momento (composites, madeira, redes, plásticos, neumáticos, instalacións, velería) e asegurou que “non queremos unha ‘Aixoliña’ con áreas recurtadas como nalgún momento plantexou o PP”.
A Aixola pechou no 2017
Acompañado da portavoz no Concello de Marín, así como doutros militantes e simpatizantes da vila, Bará sinalou que o peche de A Aixola en 2017 e a inexistencia de movementos para a súa reapertura pon de manifesto “a parálise, desidia e incompetencia do goberno da Xunta do Partido Popular”. Indicou que A Aixola é un exemplo claro da descoordinación do actual goberno do PP porque nin a Consellería do Mar, da que depende o centro, nin tampouco a Consellería de Industria e Emprego foron capaces de poñerse dacordo para utilizar fondos europeos e manter a actividade.
“Esta desidia ten importantes consecuencia negativas. Supón un dispendio de recursos públicos, instalacións e maquinaria de investimentos que se perderon ou que están desaproveitados e, sobre todo, o que impide tamén é a posibilidade de formación para o emprego e a inserción laboral de mozos e mozas en profesións e actividades con expectativas de saída laboral”, afirmou.
Calculou, de feito, que pode haber medio milleiro de mozos e mozas da comarca que non tiveron oportunidade de formarse e uns 300 que poderían estar traballando se o centro estivese aberto nos últimos tres anos. “Cónstanos que hai demanda sobre todo no sector naval e no sector eólico de persoas que saen de aquí moi ben formadas e con boa cualificación técnica e profesional”, subliñou.