A través dos diputados autonómicos, os nacionalistas levarán ao Parlamento unha proposta para correxir a precaria situación do centro de saúde moañés
«Agora, se che dá mal en Moaña non tes quen che atenda, morres», así describiu esta mañá a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, a situación que vive a sanidade no municipio: sen urxencias e cun persoal de profesionais sanitarios reducida ao mínimo, polas tardes tan só un único médico, e con consultas telefónicas. Precisamente por esta precariedade, o BNG anunciou hoxe que presentará novamente unha proposta no Parlamento para instar á Xunta de Galicia a solucionar estes problemas canto antes. «Esiximos unha rectificación», expresou o responsable comarcal do BNG e deputado, Paulo Ríos ` Kai´. Tamén o fixo a súa compañeira Montse Prado, quen acusou ao PP de de «dinamitar» os tres factores fundamentais dunha atención sanitaria de calidade, «inmediatez, accesibilidade e contacto directo cos pacientes», describiu.
Na proposta parlamentaria, os nacionalistas propoñen unha serie de medidas para paliar a situación actual. Por unha banda, expoñen «non seguir maltratando ao persoal sanitario» con, por exemplo, contratos por días porque esta inestabilidade provoca que os profesionais se marchen de Galicia para traballar noutras comunidades ou noutros países. Prado asegura que das 70 persoas que terminaron a súa formación para a Atención Primaria, só 30 quedaron a traballar na nosa comunidade. «Algo está a facer mal o PP na Xunta», manifestou.
Tamén demandou a incorporación doutras categorías profesionais á Atención Primaria, como psicólogos clínicos ou terapeutas e, ademais, poder acceder ás consultas de especialistas sen necesidade de pasar polo médico de cabeceira para evitar, na medida do posible, a saturación nos centros de saúde.
Para os nacionalistas, a xulgar polo que está a ocorrer en Moaña, «a sanidade está peor que antes da pandemia». Un declive que se percibe, fundamentalmente, nos pobos «en detrimento do centro das cidades», dixo a alcaldesa tras manter na xornada de onte unha conversación telefónica co xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Puente. Para reverter esta situación, fan un chamamento á cidadanía para participar na manifestación prevista para o próximo 12 de decembro, a convocatoria da Mesa pola Sanidade de Moaña, para reclamar a devolución das urxencias e o incremento do persoal sanitario no centro de saúde para unha atención digna e de calidade.