O primeiro evento celebrarase do 1 ao 3 de xullo no areal da Banda do Río de Bueu e reunirá a máis de 3000 persoas
A praia da Banda do Río será o escenario esta fin de semana, do 1 ao 3 de xullo, do Torneo de Balonmán Praia organizado pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo, a Federación Galega de Balonmán e o Bueu Atlético Balonmán. O torneo forma parte do calendario de competicións da federación galega, e este xoves presentouse na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, nun acto que contou coa presenza de Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, Ricardo Verde, concelleiro de deportes de Bueu, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Dolores Chapela, concelleira de deportes de Moaña, Victoria Portas, alcaldesa de Cangas, Bruno López, presidente en funcións da Federación Galega de Balonmán, Gorka Gómez, deputado de deportes, Daniel Benavides, xefe provincial de deportes da Xunta de Galicia e Manuel Castro, presidente do Bueu Atlético Balonmán.
Félix Juncal, alcalde da vila, salientou durante a súa intervención que “se nós apostamos polo balonmán praia foi como un recoñecemento ao traballo realizado en anos anteriores polo Bueu Atlético Balonmán e pola Asociación Cultural e Deportiva O Pateño”. O rexedor incidiu na importancia de que este evento se inaugure no areal urbano da Banda do Río, “porque se hai unha praia que a día de hoxe é para Bueu o centro do universo, é esta, para a que vimos de conseguir o distintivo de Bandeira Azul da ADEAC, que recolle moitos anos de traballo a prol da súa recuperación”.
O evento acollerá esta fin de semana en Bueu a 86 equipos inscritos nas categorías de alevín, infantil, cadete, xuvenil e senior, e vaise poder seguir en directo dende a canle de YouTube da Federación Galega de Balonmán.
Esta festa do deporte continuará as tres seguintes fins de semana en Moaña, concretamente na praia da Xunqueira, da que a alcaldesa, Leticia Santos, apuntou que “é un areal que cumpre con todas as condicións e que ademais fará deste un evento plenamente sustentable”.
A presentación de hoxe tamén serviu para anunciar a celebración da Copa Galicia que este ano se disputará na localidade de Cangas a última fin de semana de agosto no pabillón do Gatañal. Precisamente, a alcaldesa Victoria Portas salientou que “creo firmemente no deporte de base, e estes eventos serven para iso e tamén para poñer á mesma altura o deporte feminino”.
Gorka Gómez, dende a Deputación de Pontevedra, destacou que “practicar deporte nas praias do Morrazo é sempre garantía de éxito” e que “os eventos deportivos actúan tamén como acicates do turismo e da promoción das vilas”. Pola súa banda, Daniel Benavides, representante da Xunta de Galicia, fixo fincapé “no elevado nivel do balonmán na provincia de Pontevedra na que contamos con 27 clubs, cinco dos cales se atopan no Morrazo”.