O Apalpador coa deputada e a presidenta da Deputación esta mañá.

O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galiza, visitará este ano 46 concellos da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’. O departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitaron, entre eles os de a comarca do Morrazo: Marín, Bueu, Cangas e Moaña.

O número de visitas do Apalpador foi multiplicándose nos últimos exercicios debido ao éxito de público acadado nas actuacións. Nos vindeiros días concretaranse as datas e horarios para cada localidade, que se publicarán na web depo.gal. As primeiras xornadas, entre o 19 e o 22 haberá actividades –pasarrúas ao aire libre ou actuacións en espazos pechados- só pola tarde ao haber aínda clases polas mañás, pero de maneira xeral haberá dous eventos pola mañá e dous pola tarde ata o 4 de xaneiro (salvo os días de Nadal e Aninovo).

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *