O antigo mercado de Cantodarea será demolido proximamente. Así o anunciou esta mañá o Concello de Marín, que aprobou en Xunta de Goberno Local o proxecto de demolición do inmoble, un exemplo do feísmo neste barrio marinense, xa que se trata dunha construción medio derruida que coa súa desaparición permitirá gañar un novo espazo de esparexemento para a veciñanza da zona.
A construción deste edificio prantexouse en 1964 para Mercado de Abastos. Consta dunha planta de baixo rasante, unha planta baixa e outra alta. A estrutura está formada por muros de formigón e piares, con vigas de gran canto e losas. O Concello iniciará o procedemento de licitación cun prezo base de case 140.000 euros, unha inversión que se realizará con cargo ao remanente de Tesourería co que conta o Goberno local, que se está a repartir en distintas actuacións relevantes para a vila marinense, como esta demolición e urbanización do espazo, a reforma do primeiro andar da Casa do Mar para convertela nun Centro de Día, a pavimentación de Ponteporto ou o programa de formación para a economía local, Reactiva Marín.
Este proxecto suporá un importante cambio na imaxe desta parte de Cantodarea, xa que coa demolición do antigo Mercado iniciarase un proceso de urbanización e embelecemento da praza. Dada a parte de sótano que ten o edificio, será preciso realizar en recheo para chegar á altura da beirarrúa.
“O noso obxectivo é poder configurar un espazo urbano novo, que poida ser utilizado pola veciñanza, que permita embelecer esta parte do barrio e que supoña, en resumo, unha actuación de loita contra o feismo”, declaran fontes do Goberno local.