O obxectivo é que este servizo público autonómico para a atención e coidado das persoas maiores entre en funcionamento despois do verán con 20 prazas dispoñibles
A Xunta de Galicia e o Concello de Marín seguen a dar pasos adiante para que o novo centro de día público para persoas maiores da localidade estea operativo despois do verán. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, reuniuse na xornada de onte coa alcaldesa do concello, María Ramallo, para tratar os trámites que quedan por completar para a posta en marcha deste servizo e a súa inclusión na rede pública autonómica.
O centro está emprazado no primeiro andar da Casa do Mar, nunhas instalacións que previamente foron acondicionadas e equipadas para acoller este servizo. O Goberno galego financiou con 250.000 euros esta actuación, que tivo un custe total de 418.000 euros, asumindo o Concello a cantidade restante e a execución das obras. Ademais, con este novo equipamento se completa a renovación da Casa do Mar de Marín como un espazo destinado ao coidado dos maiores e dos máis pequenos, pois no seu baixo alberga unha escola infantil da Xunta.
Este servizo de atención diúrna entrará en funcionamento con 20 prazas dispoñibles. No caso de ser necesario estas poderán incrementarse ata acadar a capacidade máxima que ten o centro, que é de 40 prazas. A súa xestión correrá a cargo da Xunta de Galicia, a través do Consorcio, que esta semana licitará a prestación do servizo.
Como no resto de centros de día de titularidade pública, para pedir praza é necesario que a persoa solicitante teñan tramitada, en primeiro lugar, a situación de dependencia. As familias interesadas poden dirixirse aos servizos sociais municipais ou á Xefatura Territorial da Xunta de Galicia para coñecer cales son os requisitos que se deben cumprir e a documentación que precisan para pedir praza.