A Alameda de Marín foi o escenario da actuación da compañía Elahook

A danza urbana foi onte a acción cultural a través da cal a Deputación de Pontevedra
volveu lanzar un berro para mover conciencias contra a violencia machista, neste caso
en Marín, na actividade que supuxo a volta do programa de igualdade “Mulleres en
Acción. Violencia Zero” tralo parón de varios meses debido ao confinamento da Covid-
19.

A Alameda da vila marinense foi o escenario da actuación da compañía Elahood, nun
acto que contou coa participación da deputada provincial de Igualdade, María Victoria
Alonso, e da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e que tivo unha grande acollida por
parte do público asistente, que en todo momento seguiu a actividade con máscaras, de
acordo á normativa vixente. Cunha posta en escena minimalista, as bailarinas Sabela
Domínguez e Julia Laport protagonizaron a súa peza “Protocolo”, que a través da
mestura de distintos elementos de danza urbana cos que elas teñen creado un estilo
propio, quere poñer o foco sobre moitos “protocolos sociais” que se impoñen ás
mulleres e aos que deben adaptarse para ser aceptadas.

A deputada de Igualdade, María Victoria Alonso, incidiu na súa intervención na
importancia da acción colectiva para poñer freo a unha violencia de xénero que este
ano xa contabiliza o arrepiante balance 25 mulleres asasinadas, catro nos últimos días.
“Seguimos obrigadas sinalou a amosar a nosa indignación e rexeitamento contra a
violencia exercida contra as mulleres porque, lamentablemente, esta lacra segue sen
dar tregua.(…) Pero nós non nos imos cansar de berrar cada día e denunciar esta
situación”. “Estamos convencidas di Alonso que as distintas disciplinas da arte, neste
caso os pasos da danza urbana, poden axudarnos a “mover” conciencias e dar así un
xiro á situación actual. Cremos que, como di o lema deste programa, para chegar á
Violencia Zero precisamos a acción, un movemento que nos comprometa a todas e
todos neste obxectivo común e que implique a todo o conxunto da sociedade na loita
contra todo tipo de violencia machista”. Neste senso, amosou a súa satisfacción pola
volta do programa ás rúas e agradeceu a implicación nesta loita tanto do Concello, e no seu nome da alcaldesa María Ramallo, así como da veciñanza que se achegou á
Alameda para asistir ao evento.

Pola súa banda, María Ramallo puxo en valor que Marín fose o primeiro escenario do
programa da Deputación trala pandemia e subliñou a necesidade de seguir traballando
en prol da igualdade. Así mesmo, quixo destacar o papel fundamental que tiveron os
Centros de Información á Muller (CIM) durante o confinamento a pesar das limitacións.
Despois desta acción, nos meses de xullo e agosto, desenvolveranse outras seis
enmarcadas no programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”. As vindeiras serán o día
29 de xullo no concello de Gondomar, que acollerá a actuación de Zeltia coa peza
“Muller tribal” na praza de Paradela ás 12 horas, e o día 30, en que a cantante e poeta
lucense Laura LaMontagne ofrecerá a performance poético-musical “TICKy-TACKy-
PATRIARCHy” na praza do Corgo do Grove (12.30 horas). Estas dúas actividades
tiveran que ser suspendidas polo confinamento da Covid. A Deputación está a volver a
programar todas as aprazadas, un total de seis, e que se desenvolverán nos vindeiros
meses.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *