O Concello de Moaña arrinca hoxe cunha nova programación de Rechouchíos, unha actividade xa consolidada entre o público infantil e as familias do municipio para fomentar o entretemento e a cultura en galego dos máis pequenos. A primeira cita será esta mesma tarde, 17 de setembro, na Biblioteca Municipal de Quintela ás 18:00 horas da man de Monicreques Cachirulo coa obra Camiño de Aventuras dirixida a un público a partir dos 4 anos.
O venres que vén, 24 de setembro, será Tirán a parroquia que acolla ás 18:00 horas a Nelson Quinteiro con «A nosa música d´aquí», un espectáculo musical a partir dos tres anos. O lugar será a Axencia de Lectura Municipal.
O 1 de outubro, á mesma hora, a Axencia de Lectura Municipal de Domaio terá o contacontos «Un día de Treboada» con Miriam Crespo de Asacocirco. Tanto esta actividade como a do venres seguinte que novamente terá lugar en Quintela coa obra de teatro Minia Convídate a Xogar, de Mirai Urruzola, contarán con tradución á lingua de signos grazas a Xoga.
O venres 15 de outubro a Axencia de Lectura de Tirán albergará a obra de teatro dos Ghazafelhos «A caixa sen Pandora» para nenos de tres anos en diante. Á semana seguinte, o 22 de outubro, regresan os Rechouchíos a Domaio con Pakilas e Laura Romero e o seu «Ti debuxas, eu c@nto con Ramona Órbita». Como guinda do programa, o venres 29 de outubro o auditorio do Centro Sociocultural Daniel Castelao de Quintela será escenario da homenaxe a Rosalía grazas ás actrices Rocío González e Cris Collazo.
Os menores e as familias que desexen acudir a calquera destes Rechouchíos non será necesario que reserven entradas previamente e só terán que achegarse ata o lugar da actividade, á que se poderá acceder ata completar aforo (75 por cento da capacidade total do local). Naqueles lugares onde poidan realizarse en exterior optarase por iso para permitir maior cantidade de público.
Desde o Concello de Moaña aseguran que «traemos o mellor do teatro infantil» a estes Rechouchíos.