A conselleira visitando o novo TCA xunto ao alcalde de Bueu, a portavoz do PP e a rexidora de Marín.

Vázquez Mourelle sinala que os traballos xa roldan o 90% de execución e só resta a sinalización e a instalación de semáforos e equipamento intelixente nos pasos peonís

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que neste mes quedarán rematadas as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 en Bueu, logo dun investimento da Xunta de 1,1 millón de euros. Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado das obras de mellora da seguridade viaria que se están a ultimar na estrada autonómica PO-551.

Os traballos xa roldan o 90% da execución total, pois xa se estendeu a capa de aglomerado e se actuou nos pasos de peóns. Só resta por instalar os semáforos e o equipamento intelixente nos pasos peonís, a iluminación nas glorietas e a sinalización.

A intervención consistiu na execución dunha senda de 200 metros, pola marxe dereita da vía, que lle dá continuidade á construída entre Vilaseca e Lapamán, en Marín, no marco do Plan de sendas da comarca do Morrazo. Tamén se habilitaron dúas novas glorietas, que están funcionando desde mediados de xuño, unha delas, a de Lapamán, facilitando o acceso á praia. Ademais, mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia e dispuxéronse 15 prazas de aparcadoiro. A segunda rotonda, a de Castrelo, sitúase no acceso ás praias de Porto Maior e Agrelo, para facilitar os xiros en condicións máis seguras.

A intervención incluíu o acondicionamento dunha intersección en Marín, atendendo á solicitude que fixo o Concello durante a participación pública, dispoñendo cuñas de cambio de velocidade para mellorar a visibilidade e a seguridade viaria na zona.

O proxecto tamén recolleu o reforzo da seguridade viaria das paradas de autobús e as de 4 pasos de peóns, incorporando, para iso, sinalización luminosa específica, que se activa ao paso das persoas, pasos de peóns “intelixentes”. Tamén se realizaron actuacións complementarias como o aumento do ancho das beiravías, a redución da velocidade a 50 km/h, a colocación de captafaros ou de marcas viarias rugosas nos bordos da estrada.

A conselleira lembrou que esta actuación forma parte da Estratexia que se está a desenvolver desde a Xunta para actuar en todos os treitos de concentración de accidentes na rede de estradas autonómicas, que supoñen un investimento de máis de 15 M€.

Senda Trasouto- Alto da Portela

Por outra parte, Ethel Vázquez destacou que as obras da senda peonil entre Trasouto e o Alto da Portela, cun investimento autonómico de 643.000 euros, continúan avanzando nesta mesma estrada, na PO-551.

Trátase dun itinerario que se constrúe pola marxe esquerda de 1,8 km, que conectará coas beirarrúas actuais, conformando un itinerario peonil seguro, máis cómodo e funcional para os veciños.

Os traballos comezaron a finais de maio e o grado de execución rolda o 50%, polo que o seu remate se prevé para principios do vindeiro ano, xa que ten un prazo de 9 meses. A actuación está cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020 para o fomento da mobilidade sustentable.

A responsable de Infraestruturas puxo en valor estas dúas actuacións de mellora da seguridade na PO-551 en Bueu e tamén no concello veciño de Marín, que contan cun investimento global de 1,8 millóns de euros.

Engadiu novas intervencións para esta área, como o proxecto que se está a redactar para dar continuidade ás beirarrúas na estrada PO-315, entre Beluso e A Achadiza. A intervención require de expropiacións, polo que se agarda sometelo a información pública este outono. Tamén se referiu á nova glorieta na estrada PO-551, para mellorar a entrada ao polígono, intervención que debe ser coordinada coa senda de Trasouto. A previsión é someter o proxecto a información pública en vindeiras semanas.

Ethel Vázquez remarcou a aposta da Xunta pola mellora da mobilidade en concellos como Bueu, fronte á acción do Goberno de España, cuxos criterios exclúen dos fondos Next Generation aos municipios de menos de 50.000 habitantes, como este pontevedrés.

Neste sentido, a conselleira convidou ao Concello de Bueu a asinar a ‘Declaración Institucional por un rural forte e conectado’, impulsada pola Xunta e por 75 concellos o pasado sábado, coa fin de lograr un cambio nos criterios de reparto dos fondos de reconstrución.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *